3 de xuño de 2008

Presentamos demanda no xulgado para que compute o contrato de ETT a efectos de ascenso a teleoperadora especialista

O Convenio establece o ascenso automático a “Teleoperadora Especialista” ao cabo dun ano, pero Bosch non computa o tempo do contrato de posta a disposición (ETT) a efectos deste ascenso. Con esto deixan de pagarnos ata 50 euros ao mes.

Hai persoas que teñen que botar ata 22 meses traballando para ter dereito a un ascenso que o Convenio establece aos 12 meses, deste xeito Bosch deixa de pagarlle ata 500 euros. Vaia negocio teñen montado a nosa costa.

Nesta empresa, que trata a toda costa de eliminar os nosos dereitos, non nos queda mais remedio que andar de xulgado en xulgado para conseguir o que é noso.

As demandas de reclamación de categoría son individuais, deben ser presentadas individualmente polas persoas afectadas.

Ante isto e coñecendo como as gasta a “democrática” Dirección de Bosch, que pode ter a tentación de represaliar a quen reclame os seus dereitos (non sería a primeira vez), decidimos que a primeira demanda sexa a de unha delegada sindical, debemos ser os primeiros en dar a cara.

O xuízo de reclamación da nosa compañeira está previsto para o vindeiro día 6 de xuño.

Bosch non quere computar o tempo de ETT para o ascenso, nin quere computar os contratos de ETT para calcular a porcentaxe de contratos indefinidos.

En definitiva Bosch usa ETT coa pretensión de rebaixar aínda mais os dereitos laborais do persoal, algo que non permitiremos baixo ningún concepto.

Ningún comentario: