4 de mar. de 2008

En marcha o proceso de conversión en indefinidos

O pasado día 25 de febreiro solicitamos formalmente a apertura do proceso de negociación para a conversión en indefinidos, o 3 de marzo tivo lugar a reunión co Comité.

Xa de inicio tivemos a primeira discrepancia coa empresa, dende a CIG entendemos que deben computarse os contratos por Obra de posta a disposición (os contratos de ETT), pero a empresa di que non.

En Bosch Vigo traballamos case 1.000 persoas, dende a CIG defendemos que por Convenio un 30%, case 300 persoas, deberían ter contrato indefinido, co restritivo criterio da empresa serán pouco mais de 100.

Dende a Sección Sindical da CIG presentamos unha proposta para a asignación dos baremos que apoiaron o resto das Seccións Sindicais, quedando a empresa pendente de contestar.

Proposta CIG baremos Conversión en indefinidos.

Establecer 10 puntos e facer o reparto conforme ao Convenio: 5 por antigüidade, 1 por formación e 4 por valoración do traballo.

Propoñemos que o reparto dos 5 puntos por antigüidade se faga, como se fai no resto das empresas do sector, en base aos seguintes tramos:

Persoal antigüidade 2004: 5 puntos.
Persoal antigüidade 2005: 4 puntos.
Persoal antigüidade 1 semestre 2006: 3 puntos.
Persoal antigüidade ata o 1/11/2006: 2 puntos.
Persoal antigüidade ata o 31/03/2007: 1 puntos.

En caso de empate propuxemos que se teñan en conta as cargas familiares e en caso de persistir o empate que se teña en conta a data de entrada na empresa.

Propuxemos tamén a creación dunha Comisión Paritaria empresa-sindicatos que avalíe calquera reclamación efectuada por calquera persoa. A Dirección estima que non é necesaria a Comisión podendo exercer esta función o Comité.

En definitiva está en marcha o proceso de transformación en indefinidos, pero unha vez mais a empresa se agarra a interpretacións restritivas do Convenio para tratar de precarizar aínda mais as condicións laborais.

1 comentario:

Anónimo dixo...

Canto cobran os advogados que estudan como recortarnos os salarios, os festivos, etc?

Si un advogado te informa como poder delinquir sen ir a cadea pode perder o título, que pasa cos que informan as empresas para quitarnos dereitos? non teñen un código hipocrático como os médicos?