6 de mar. de 2008

Concentración da CIG, noticia de prensa.


Máis dun cento de delegados e delegadas concentráronse o día 6 de marzo dende as 11:00 da mañá no centro de traballo da multinacional alemá Bosch na rúa María Berdiales en Vigo, para denunciar a vaga represiva e os incumprimentos do Convenio por parte da empresa.

Esta empresa do sector de Telemárketing dá emprego en Vigo a 1.000 traballadores e traballadoras, a maior parte mulleres. Só 70 persoas, un 7% do persoal incluído o de Dirección, ten contrato indefinido. Falar do Grupo Robert Bosch en Vigo é falar de temporalidade en estado puro.

Dende as últimas eleccións sindicais celebradas no mes de decembro de 2007 foron despedidas unha delegada e unha candidata da CIG. Outros representantes sindicais da CIG están sendo sometidos a un acoso permanente por parte da Dirección da Empresa con cambios arbitrarios de quenda, informes negativos sobre o seu rendemento laboral, etc.

Outras persoas foron despedidas polo simple feito de estar de baixa por enfermidade; as traballadoras de Bosch non teñen dereito a caer enfermas. Pero para a CIG o máis grave é que algunhas destas enfermidades poderían ser debidas ás pésimas condicións laborais imperantes na empresa.

Houbo tamén sancións a varias persoas polos motivos máis insospeitados. Así, a modo de exemplo, unha traballadora con cinco fillos ao seu cargo foi sancionada despois de solicitar unha “redución de xornada para o coidado de fillos” tal e como contempla a Lei.

Outra traballadora foi sancionada despois de que solicitase a presenza dun representante sindical, ante o requirimento por parte da empresa para asinar un informe negativo sobre o seu rendemento laboral.

Bosch, multinacional de orixe alemá, incumpre o Convenio en materia de contratación, en materia de horarios e quendas de traballo, e incluso négalle ao persoal o dereito dos 14 festivos anuais establecidos por Lei.

Durante o acto, que transcorreu con total normalidade, un grupo de directivas da empresa fixo acto de presenza de xeito provocador gravando imaxes das persoas que participaban na protesta. Unha demostración máis da prepotencia do persoal directivo desta empresa.

Para a CIG esta mobilización é a primeira dun proceso que continuará ata conseguir a readmisión das persoas inxustamente despedidas, a retirada inmediata das sancións e unhas condicións laborais dignas para todo o persoal da empresa.

Ningún comentario: