26 de feb. de 2008

O sorriso da Mona Lisa

Durante séculos moitos eruditos teñen investigado o que se agocha tralo sorriso da Mona Lisa. Coma naquel misterio sempre nos chamou a atención que a imaxe pública de Bosch-Telemárketing sexa una teleoperadora sorrinte. Que agocha o sorriso da teleoperadora de Bosch? Está claro, nunca na súa vida traballou nesta empresa de teleoperadora.

Porque as persoas que traballamos nesta empresa non estamos para sorrisos: baixos salarios, horarios irregulares, contratos temporais de todo tipo, ter que aturar a clientes que se senten enganados e por si fora pouco que aturar os malos modos permanentes dalgunhas coordinadoras e supervisoras.

E se pos mala cara cando te tratan mal (xa non dicimos si protestas) veñen a por ti de xeito descarado: empeoran repentinamente os coachings; cambian caprichosamente os horarios e quendas tratando de que te prexudiquen o máximo posíbel na túa vida privada; as broncas públicas por nimiedades pasan a ser algo diario, hora a hora e minuto a minuto; e prepárate para recibir en canto te deas a volta comentarios despectivos, maliciosos e incluso insultantes sobre ti diante do resto das compañeiras. Actitudes que demostran que a estas persoas os seus postos lles quedan grandes, demasiado grandes.

En definitiva temos que estar todo o día a disposición da empresa, 365 días ao ano, aturando a súa mala organización e incompetencia aderezada con malos modos. Todo a cambio de 600 miserables euros ao mes.

Despois pasa o que pasa, Bosch-Telemárketing ten que facer o ridículo poñendo anuncios nos autobuses que circulan por Vigo ofrecendo “postos de traballo”.

Negociemos unhas condicións laborais dignas e verán como non teñen problemas para conseguir xente que queira vir a traballar. Quizás así poderán deixar de utilizar como reclamo a cara sorrinte da nosa “Mona Lisa”.

2 comentarios:

Anónimo dixo...

SODES FANTASTICOS!!!!

Anónimo dixo...

FOLGA FOLGA FOLGA FOLGA FOLGA FOLGA