9 de dec. de 2007

Temos que superar o convenio a nivel das empresas

O pasado 5 de decembro de 2007, a patronal ACE e os sindicatos pro-empresa CCOO e UGT veñen de perpetrar a sinatura do Convenio Colectivo de Telemárketing.

Con está sinatura escenifícase unha rendición da cúpula dos sindicatos asinantes ante unha patronal prepotente que sempre mantivo unha actitude chulesca na mesa negociadora.

Pero a rendición de CCOO e UGT non é nova, comezou o día que renunciaron a mobilizar conxuntamente o sector como fixeramos CIG, CGT, CCOO e UGT no anterior proceso de mobilizacións.

Por moito que se esforcen agora en “vender” o acordo como positivo, o certo é que nin os seus compañeiros de sindicato o queren. Incluso unha parte da representación de CCOO na mesa negociadora non asinou o Convenio por consideralo insuficiente.

Atento despide na Galiza é deslocaliza servizos a Marrocos ou América Latina; Bosch está abrindo un centro de traballo en Argentina que atenderá aos clientes que hoxe se atenden en Vigo; Eurocen, en contra do anunciado, está abrindo un centro de traballo en Uruguay, e Unísono ten en marcha un centro en Chile.

Os nosos postos de traballo penden dun fío, pero aos profesionais do sindicalismo a soldo de CCOO e UGT que negociaron o Convenio o que nos pase tráelles ao pairo.

Manter os nosos salarios artificialmente baixos, (a única mellora son 2 miserentos euros ao mes) non evitará que as empresas deslocalicen. Nunca poderemos competir coa man de obra semi-escrava deses países.

En todo caso ante a sinatura deste mal acordo hai agora dúas alternativas:
  • Unha, loitar a nivel de empresa para rebentar os límites do Convenio á procura de melloras reais nas nosas condicións laborais.
  • Outra, loitar en contra dos despedimentos e das deslocalizacións: se despiden a calquera de nós, que sexa como se nos despedisen a todos e todas.

Estas son as alternativas da CIG: superar o Convenio nas empresas e combater a deslocalización, temos que demostrar que o persoal de telemárketing nin se vende nin se rende.

Ningún comentario: