23 de dec. de 2007

Telemárketing: Unha folga con carácter galego


Cun seguimento do 90%, empresas como Atento, Bosch ou Eurocen estiveron practicamente pechadas

A folga convocada pola CIG e a CGT no sector de Telemárketing tivo un seguimento de arredor do 90% nas grandes empresas de Galiza. Empresas como Atento, Bosch ou Eurocen estiveron practicamente pechadas. No total do sector en Galiza a participación situouse nun 80%, a maior de todo o Estado.

A folga comezaba ben, o persoal das quendas de noite do día 20 parou masivamente no que sería un anticipo do que estaba por vir. Esta xornada de folga foi a que tivo un maior seguimento na historia do sector.

Dende primeira hora da mañá estaba claro que a folga sería un éxito, xa que ás 8 da mañá, na primeira quenda da xornada, o seguimento situouse nun 90%, unha tónica que continuaría no resto das quendas.

As noticias que chegaban de todo o país eran practicamente as mesmas: a folga estaba sendo seguida masivamente polo persoal e transcorría sen incidentes.

Cara as 11 da mañá o nerviosismo comezou a manifestarse nalgunhas empresas, que comezaron a presionar ao persoal de Empresas de Traballo Temporal para que cesasen no apoio á folga, con ameazas de despedimento inmediato, pero estas ameazas non fixeron máis que fortalecer a posición dos e das folguistas.

As persoas que integraban os comités de folga tamén fixeron un bo traballo, conseguindo que aqueles traballadores e traballadoras que se tiñan incorporado aos seus postos de traballo, remataran por sumarse á Folga. Lamentablemente algunha empresa ameazou con considerar estes casos como faltas inxustificadas en contra do establecido na lexislación.

Pero se a folga tivo un seguimento total no sector, hai que destacar que foi na empresa Bosch onde a presenza de traballadores e traballadoras concentrados foi maior dende primeira hora da mañá. Nesta empresa, na que a CIG viña de gañar as eleccións o día anterior, o persoal das distintas quendas achegábase á empresa para unirse ao piquete, polo que a concentración que estaba prevista ás 12:00 en todas as empresas do país adiantouse ás 11:00.

Ás 11:30 horas o xefe de RRHH e o director da empresa principal, Tele-2, solicitaban unha negociación coa CIG (o paro na empresa a estas alturas xa era total). O persoal, reunido en asemblea, aceptou que unha representación da CIG se reunira coa empresa. Nesta xuntanza acadouse o compromiso de abrir un proceso de negociación para superar o convenio do sector, mellorando as condicións laborais, compromiso que foi recibido con aplausos pola Asemblea de traballadores e traballadoras.

No resto do país as concentracións contaron cunha presenza desigual, moitas persoas que apoiaran a folga aproveitaron a xornada para descansar; moitas delas traballarán durante a fin de semana e incluso durante os días festivos do Nadal.

Pola tarde a folga continuou en todas as empresas de Galiza, desenvolvéndose a maior concentración na empresa Unísono en Vigo, contando coa participación dun nutrido grupo de compañeiros e compañeiras da Sección Sindical da CIG en Bosch, que se achegaron solidariamente ata a empresa.

Sen dúbida, o 21 de decembro será un día que pasará a historia dos mozos e mozas do sector de Telemárketing de toda Galiza, por ser o día no que utilizaron a súa voz, a súa ferramenta de traballo, para facerse escoitar denunciando a situación de precariedade e a explotación laboral que padecen o resto do ano.


Máis noticias sobre a folga en:

Para ver os vídeos da folga, entrade en www.youtube.com e buscade "huega bosch"

Ningún comentario: