21 de dec. de 2007

A CIG gaña as eleccións sindicais na empresa BOSCH en Vigo cun 70% dos votos



Con 275 votos, obtivo 6 dos 9 representantes sindicais en xogo


Nas eleccións celebradas para a ampliación do Comité de Empresa da maior subcontrata de Telemárketing en Vigo, a candidatura da CIG conseguiu a maioría con 275 votos e 6 representantes, sendo un 70% dos votos emitidos. CCOO, que ata ese momento contaba coa maioría na empresa, tivo 69 votos e 2 representantes sindicais, e UGT con 35 votos obtivo desta volta só 1 representante. Ademais houbo 10 votos brancos e 3 nulos.

O sindicato nacionalista tiña ata o de agora 1 soa delegada, despois de que entrara a formar parte do Comité hai 2 anos, cando se celebraron as anteriores eleccións de ampliación dese órgano.
Bosch é a maior empresa de Telemárketing en Vigo e unha das maiores de Galiza. Dá emprego a perto de 1.000 persoas. Esta é a primeira vez que a CIG consigue a maioría nunhas eleccións sindicais celebradas nunha gran empresa do sector, feito que ademais se produce nas vésperas da Folga convocada contra a precariedade laboral e fronte á deslocalización.

Dende a Federación de Banca da CIG, considérase o resultado como moi positivo, e destacan que o persoal da empresa valorou favorablemente o bo traballo desenvolvido pola Sección Sindical da CIG en Bosch.

1 comentario:

Anónimo dixo...

Se está demostrando que CC.OO. non fai nada polos traballadores, agora a esperar al eleccións de xuño e que a maioria esté nas mans de compañeiros que loitan por nos.

Noraboa a todos e sobretodo a Laura e Otero que se o están currando dende fai moito tempo.