27 de dec. de 2007

A FOLGA foi un éxito, agora hai que xestionala

O pasado 21 de decembro, a folga tivo un amplo seguimento en toda Galiza que podemos valorar en torno ao 80%, nomeadamente nas grandes empresas.

A ampla participación na folga demostra que o Convenio non pechou a negociación colectiva no sector, as empresas están obrigadas a negociar acordos internos que melloren de xeito real as precarias condicións laborais en materia de contratación, horarios, salarios e clasificación profesional.

Dende a CIG temos elaborado un paquete de medidas mínimas fronte a deslocalización, que temos intención de presentarlle ás distintas Administracións implicadas:

- Creación dunha Mesa sectorial a tres bandas coa presenza da Xunta de Galicia, os sindicatos máis representativos e as empresas de telemárketing con centros de traballo en Galiza. Negociación dun Plan reitor de apoio ao sector que permita garantir os postos de traballo. Nesta mesa revisaríase a actual política de subvencións publicas ás empresas de telemárketing.

- Creación dunha Axencia Galega de Protección de Datos. Para poder deslocalizar as empresas precisan autorización administrativa para transferir ao estranxeiro as bases de datos dos clientes. Ata o de agora a Axencia Estatal, en contra do regulado na Lei, está autorizando todas as transferencias internacionais facilitando a deslocalización.

- Regular por Lei a obriga de facilitar a opción do galego nos servizos de atención ao cliente a distancia. O noso idioma ten un valor engadido na defensa dos nosos postos de traballo. Se os/as clientes teñen o dereito a ser atendidos en galego e exercen o dereito, non poden ser atendidos dende fóra do país. Esta medida garantiría nova carga de traballo para as empresas de telemárketing situadas en Galiza.

- Solicitar o traspaso de competencias en materia de telecomunicacións. Actualmente está é unha competencia do Goberno Central, sen que interviñera para regular esta situación. Para a CIG quen opera no país debe ser obrigado por Lei a manter aquí os servizos.

1 comentario:

Don Manuel dixo...

ADIANTE COA CIG E SI BOSCH NON NEGOCIA METEDELLE OUTRA