12 de out. de 2007

Mendigando na Mesa Negociadora non imos conseguir nada

Cando xa levamos máis de 10 meses sen Convenio Colectivo, a patronal falou por primeira vez na Mesa Negociadora sen que fora para pedir despedimentos máis baratos. Aínda que isto non significa que abandonasen esta pretensión, para eles é unha condición “sine qua non”: ou abaratamos os despedimentos do persoal fixo, ou non hai acordo no resto de materias.

Na reunión do día 10 de outubro, tal e como estaba previsto, abordáronse os aspectos relacionados con vacacións. Nesta materia a patronal ACCE, fixo unha proposta que en liñas básicas consiste en recoñecer e regular (introducindo recortes) o dereito a percibir os diferentes pluses durante o período de vacacións. Dereito que as empresas negaron obstinadamente e que finalmente recoñeceron os Tribunais de Xustiza.

Dende a CIG fixemos fincapé nas propostas sobre vacacións que recollemos na nosa plataforma:

-Ampliar as vacacións ata os trinta e catro días naturais.
-Os días de libranza poderán ser acumulables ás vacacións.
-En caso de baixa por incapacidade temporal, por enfermidade común, accidente ou enfermidade laboral paralizaranse as vacacións.

ACCE procedeu a rexeitar todas as propostas de mellora nesta materia e finalmente, e como no resto das cuestións, non houbo acordo. Todo o relacionado coas vacacións queda pendente para a seguinte reunión que terá lugar o 23 de outubro na que se abordarán tamén as materias relacionadas con Saúde Laboral e Prestacións Sociais.

A patronal está demostrando controlar os tempos e os modos da negociación, simplemente di non a todas as propostas sindicais mentres non se negocie facilitar e abaratar os despedimentos. Ante esta situación non queda outro camiño que a mobilización de todo o sector de telemárketing a nivel galego para defender as nosas condicións laborais e os postos de traballo.

Mendigándolle á patronal na Mesa Negociadora non imos conseguir nada.

Ningún comentario: