26 de set. de 2007

As empresas queren despedimentos máis baratos (e hai quen lles entra no xogo)

Antes de relatar o sucedido na reunión do Convenio do día 26 de setembro, é necesario facer un inciso explicativo.

En todos os casos que levaron as Asesorías da CIG por despedimentos realizados polas empresas de telemárketing, ao amparo dos artigos 17 e 18 do Convenio, as sentencias dos xulgados os declararon improcedentes, cobrando o persoal unha indemnización de 45 días por ano traballado.

Estamos en disposición de afirmar que a maior parte das empresas utilizan os artigos 17 e 18 de xeito fraudulento co fin de rescindir contratos por obra ilegalmente.

Con estes precedentes temos que comunicar que previamente á reunión da Mesa Negociadora do Convenio Colectivo de Telemárketing, a patronal ACE remitiu á representación sindical unha proposta de modificación dos artigos 17 e 18 coa que pretenden incluír nos mesmos ao persoal con contrato indefinido.

Deste xeito o persoal fixo pasaría a ser persoal fixo de campaña e podería ser despedido por baixada do volume de chamadas ou por finalización da campaña, independentemente de que na empresa houbera ou non outras campañas nas que puidera ser recolocado.

Estes despedimentos terían a consideración de obxectivos e unha indemnización de 21 días por ano traballado cun máximo de 12 meses.

Na reunión do Convenio de hoxe agardabamos que todos os sindicatos rexeitaran a intención das empresas de ampliar aínda máis a precariedade, pero inexplicablemente houbo sindicatos que amosaron a súa disposición a abaratar o despido do persoal fixo.

Pola nosa parte rexeitamos claramente esta inaceptable proposta patronal e entendemos que os sindicatos que non estamos dispostos a abaratar os despedimentos debemos unir as nosas forzas.

Se CCOO entra no xogo das empresas e está disposta a abaratar o despido do persoal fixo que o fagan eles solos.

Ningún comentario: