16 de out. de 2007

Mobilicémonos en defensa dos postos de traballo


O anterior Convenio de Telemárketing establecía que o 70% do persoal de operacións poda ter contratos temporais; chama pois a atención que a patronal insista agora na mesa negociadora en facilitar e abaratar o custe dos despedimentos do persoal fixo nun momento en que as empresas apuran os plans de apertura en América Latina.

Esta proposta, a única realizada pola patronal ACCE durante o proceso de negociación do Convenio, non pode desvincularse do proceso de deslocalización que ameaza os 8.000 postos de traballo do sector en Galiza. A proposta realizada pola patronal ten por fin abaratar o despedimento do persoal fixo para poder botar o peche definitivo co menor custe posible.

Non podemos esquecer que as maiores empresas do sector en Galiza, teñen aberto centros de traballo en América latina ou están en proceso de apertura.

Máis alá dos coñecidos casos de deslocalización de Telefónica e Jazztel que afectaron as subcontratas de Atento ou Stream, outras empresas están a seguir o mesmo camiño:

A subcontrata Eurocen que traballa para Telefónica Móbiles, dá emprego a 900 persoas na Coruña. Neste momento Eurocen anunciou que está abrindo un centro de traballo en Uruguay.

A subcontrata Bosch que traballaba para Tele-2 (agora adquirida por Vodafone, empresa que xa ten deslocalizada a atención ao cliente), dá emprego en Vigo a 1.000 persoas. Este ano puxo en marcha un novo centro en Bos Aires, Arxentina.

A subcontrata Unísono que traballa entre outras empresas para Orange, dá emprego en Vigo a 400 persoas. Puxo en marcha un centro en Chile. En todo caso este é o caso menos grave grazas a captación de campañas de novos clientes para o contact center de Vigo.

Para facer fronte a esta situación que consideramos extremadamente grave, as delegadas e delegados da CIG no sector de telemárketing vimos de aprobar un calendario de mobilizacións en todo o sector en Galiza, que inclúe a convocatoria de Asembleas de traballadores e traballadoras para abordar as medidas a tomar.

Non podemos permitir que en Madrid se negocie abaratar os despedimentos, cando a maior parte das empresas de telemárketing implantadas en Galiza teñen Plans para trasladar parte da súa actividade a América Latina.

Ningún comentario: