17 de set. de 2007

Xornadas de conciliación e igualdade laboral no marco da Comarca de Vigo

A CIG da Comarca de Vigo, entidade social da agrupación de desenvolvemento do proxecto Equal Conta con elas, organiza para o vindeiro venres 21 de setembro unha xornada de formación sobre o novo panorama laboral que se abre en cuestión de xénero despois das mudanzas normativas a nivel estatal e galego.


O lugar no que se desenvolverán estas xornadas será o Centro Social Caixanova (Policarpo Sanz 24-25, Vigo), nun horario que vai desde as nove da mañá e até as dúas e media da tarde.Baixo o título “Conciliación e igualdade no marco laboral”, estas xornadas, que contarán cun aforo limitado a cen persoas, servirán para, a través do aproveitamento do proxecto Conta con elas, mellorar a formación na intermediación laboral e introducir a necesaria perspectiva de xénero na acción sindical.


Ao longo deste intenso día serán presentadas conferencias nas que se analizarán pormenorizadamente as novas leis en materia laboral para a igualdade, tanto as promulgadas a nivel galego como as que foron publicadas no Estado, así como os novos dereitos que se acadaron para a conciliación na lexislación laboral.


Ademais outros moitos temas serán abordados: igualdade e conciliación na negociación colectiva, a saúde laboral desde a perspectiva de xénero; e unha das cuestións máis novidosas é que se contará coa participación de Laura Estévez, que é a técnica do proxecto Conta con elas que está a facer diagnósticos nas empresas da área metropolitana de Vigo para desenvolver, como obriga a lei, plans de igualdade.


Para consultar o programa das xornadas ver o seguinte enlace: Xornadas Conciliacion e igualdade no marco laboral

Ningún comentario: