13 de set. de 2007

Clasificación e Carreira Profesional

O pasado 5 de setembro tivo lugar unha nova reunión da comisión negociadora do convenio colectivo de Telemárketing na que se debateron os aspectos relacionados con Clasificación e Carreira Profesional.

En primeiro lugar hai que lembrar que durante a vixencia do anterior Convenio para os anos 2004-2006, existiu unha Comisión integrada pola Patronal, CCOO e UGT, que tiña o compromiso de realizar un estudo que servira de base para crear neste novo Convenio un novo sistema de Clasificación e Carreira Profesional.

Mentres as reclamacións relacionadas coa Clasificación Profesional efectuadas polos traballadores e traballadoras van en aumento, debido á falta de concreción do convenio, o traballo realizado polos liberados sindicais de CCOO e UGT nesta Comisión foi nulo. Non hai estudo e, polo tanto, tampouco hai base para un novo acordo.

Na práctica esta Comisión tiña como efecto xustificar a existencia de liberados para CCOO e UGT como compensación por ter asinado o anterior Convenio.

En todo caso, dende a CIG defendemos un novo redactado que posibilite a reclasificación do persoal que realiza funcións de categorías superiores, a vez que presentamos as seguintes reivindicacións nesta materia:
  • Eliminación da Comisión de Clasificación Profesional por inoperante
  • Creación do posto de Soporte de Operacións
  • Incluír no grupo D os seguintes niveis: Formador de Teleoperadores/as (nivel 6), supervisores de calidade do servizo (nivel 6) e soporte de Operacións (nivel 8)
  • Eliminar no grupo D o nivel de “Supervisores B”.
Como contestación a patronal insistiu en que a solución pasa por crear unha nova Comisión de Estudio unha vez que se asine un futuro acordo.

En todo caso a patronal insistiu tamén en que ou se acepta ampliar e facilitar as causas de despido ou non haberá avances na negociación. Na nosa opinión é tempo da Unidade Sindical para mobilizar o sector, non podemos permanecer impasibles ante a permanente chantaxe patronal.

Ningún comentario: