28 de ago. de 2007

Sentencia favorable en ATENTO

O pasado martes 21 de agosto de 2007 recollimos nos xulgados a sentencia a favor dos nosos e das nosas afiliados e afiliadas despedidos o pasado 20 de marzo.

Nesta recoñécelles o caracter de indefinidos baseándose en que traballadoras e traballadores con diferentes contratos, ben fosen por circunstancias, de obra, ou indefinidos, realizaban as mesmas funcións , constituíndo esta a actividade normal da empresa, aínda que algúns dos contratos por circunstancias da producción especificasen campañas concretas.

A sentencia cualifica a contratación “en fraude de lei”, co que non se pode aplicar despido por reducción de obra (Art. 17 do III Convenio colectivo estatal de Telemarketing), considerándoos despidos.

Aínda que, nun principio, no informe presentado por Telefónica vese unha diminución das chamadas, a xuíza non o considera determinante dado que ese informe só se refire ás unidades de Desarrollo e Fidelización, e neste centro atendíanse (e aténdense) outras unidades. Tampouco Atento foi quen de demostrar que os despedidos e despedidas prestaran os seus servizos nesas unidades. Do mesmo xeito, e tal e como recolle o informe da Inspección de Traballo, esta suposta reducción de chamadas entra en contradicción co incremento da contratación en León e Jaén para o mesmo servicio.

A xuíza tamén sinala que Atento incumpre coa obriga de informar ó Comité (con datos reais da reducción de obra, listado de traballadores, os criterios utilizados, para que puideran comprobalos) o cal “ten unha importante transcendencia que a empresa quere obviar”, privando así os traballadores e traballadoras das garantías que permiten controlar a legalidade e adecuación das eventuais reduccións de plantilla que poidan producirse para a diminución do servicio contratado.

Na nosa demanda, reclamábamos que os despidos se considerasen nulos, ou subsidiariamente improcedentes. Na sentencia recoñécese unicamente a improcedencia , polo que estamos estudiando recurrila, aínda que esa decisión tomarana esta semana os e afectados e afectadas.

Ningún comentario: