28 de ago. de 2007

Arxentina, Saúde Laboral, Conciliación

Apertura de Bosch en Arxentina


Moitos compañeiros e compañeiras dirixíronse a nós con preocupación pola noticia da apertura dun call center de Bosch en Arxentina que traballará para os mesmos clientes que atendemos hoxe en Vigo. Compartimos esa preocupación e foi por iso que dende a CIG entendiamos que os traballadores e traballadoras de Bosch-Vigo tiñamos dereito a coñecer esta situación.

Non temos máis información que a facilitada no seu día pola empresa e, tal e como dixemos no anterior comunicado, non é o momento da alarma, pero si de permanecer alerta. Non estamos de brazos cruzados e cando teñamos máis información comunicarémola.


Saúde Laboral


Aínda que poucas cousas poden sorprendernos da política laboral de Bosch, día a día a empresa semella querer superarse. Agora o persoal, cando é contratado, asina un “anexo 3” (entre medio de todos os papeis), polo que renuncia “voluntariamente” ao recoñecemento médico obrigatorio. Solicitaremos a empresa que modifique inmediatamente a súa conduta; se non é así presentaremos unha nova denuncia na Inspección de Traballo.

Non é de recibo tratar de facer caixa a conta da saúde dos traballadores e traballadoras.


Conciliación da Vida Persoal e Laboral


Hai instalado na sociedade un debate sobre a necesidade de adoptar medidas para facilitar a conciliación da vida persoal e laboral. Froito desta preocupación social os distintos parlamentos teñen posto en marcha lexislación e axudas ás empresas para facilitar que conciliar non sexa imposible.

Son tamén cada día máis os convenios que recollen medidas neste sentido, como son tamén cada día máis as empresas que negocian protocolos de Conciliación internos.


Como non podía ser de outro xeito, Bosch tamén neste apartado quere superarse día a día: son numerosos os problemas e atrancos cos que se atopan as persoas que solicitan os permisos para o coidado de menores.

Agora a Dirección vén de denegar un cambio de quenda a unha traballadora para o coidado do seu fillo, cando ademais outras compañeiras do seu departamento estaban dispostas a cambiarlle o horario. Non había ningún impedimento, nin poden alegar necesidades do servizo, quedando patente unha falta de sensibilidade absoluta por parte das persoas responsables de Recursos Humanos, impropias dunha empresa que se autocalifica como “familiar”.

Este tipo de condutas provocan moito malestar entre o persoal sen que a empresa tire delas ningún beneficio, son simplemente unha mostra da absoluta incapacidade das persoas responsables desta situación.

Ningún comentario: