13 de xul. de 2007

A CIG solicitou a nulidade alegando fraude na contratación Xuízo polos despedimentos de Atento en A Coruña


O pasado día 2 de xullo tivo lugar o xuízo polo despedimento dun grupo de afiliadas e afiliados da CIG en Atento. Coincidindo coa celebración dos xuízos polos 179 despedimentos o Comité de Empresa ten en marcha unha campaña de concentracións e paros na Plataforma de Atento en A Coruña.

Ás 11 da mañá do luns día 2, o persoal desta filial de Telefónica en A Coruña estaba chamado a un paro e a unha concentración diante da empresa, para despois desprazarse ao edificio dos Xulgados, no que seguiu a concentración en demanda da readmisión das 179 persoas despedidas.
Durante o xuízo a CIG solicitou a nulidade dos despedimentos dos seus afiliados e afiliadas na empresa de telemárketing Atento, alegando tanto a fraude na contratación como nas propias causas dos despedimentos.

Para a CIG os contratos temporais deste persoal foron realizados en fraude de lei, non coincidindo a causalidade indicada nos mesmos co traballo real realizado polo persoal, polo que en calquera caso estes contratos serían indefinidos e a empresa debería ter posto en marcha un Expediente de Regulación de Emprego con todas as garantías legais.

Malia que Atento insistiu ao longo de todo o proceso en xustificar os despedimentos en base á baixada do volume de chamadas, quedou demostrado durante o xuízo que mentres Atento despedía 179 persoas en A Coruña, ao mes seguinte comezou a contratación de máis de 250 persoas para as novas Plataformas de Atento en León e Jaén, centros de traballo abertos grazas ás fortes subvencións recibidas do Goberno central, da Deputación de Jaén e dos respectivos gobernos autonómicos. Estas 250 persoas foron contratadas en plena campaña das eleccións municipais para o mesmo servizo que realizaba o persoal despedido en A Coruña, a “Liña Atención Persoal-1004”. Así mesmo, demostrouse que tamén realizou contratacións para outros centros do resto do Estado pero en menor medida.

Esta cuestión ten unha importancia fundamental, xa que o artigo 17 do Convenio Colectivo de Telemárketing asinado por CCOO e UGT permite despedimentos en base á baixada do volume de chamadas. Na práctica, este artigo está a permitir despedimentos masivos, toda vez que a maior parte das empresa de telemárketing teñen máis dunha Plataforma e é moi doado derivar chamadas cara un centro de traballo concreto.

Ao longo dos vindeiros días están previstos novos xuízos e polo tanto novos paros e concentracións, nun conflito que está a marcar o camiño no sector do telemárketing en Galiza.

Ningún comentario: