19 de xuño de 2007

Eppur si muove

Hoxe tivemos unha reunión coa Dirección de Bosch onde se nos expuxo que fixemos unha mala interpretación das súas palabras, que en ningún momento falaron do desvío de 1.000 chamadas nin de aplicar o artigo 17, que escoitamos ou entendemos mal.

Transmítennos que non hai un cambio de estratexia, que ante calquera baixada do volume de chamadas apostarán, como en procesos anteriores, pola reubicación noutros departamentos.

Esta situación lémbranos ao probe astrónomo italiano Galileo Galilei: cando dixo que a terra se movía, foi ameazado pola igrexa católica, sendo obrigado a admitir publicamente que a terra non se movía. Como Galileo ante o Santo Oficio abxuramos en público do que dixemos, pero como aquel diremos: “Eppur si muove” (pero se move).

Neste senso dende a CIG, e como a maior parte dos traballadores e traballadoras de BOSCH, temos a certeza de que Comunitel está desviando chamadas a Unísono (cando non a Madrid). O departamento de CAC-Comunitel en Unisono Vigo xa conta con 50 persoas.

Se Comunitel comunicase a Bosch un fin de obra, as persoas que cumpran os requisitos establecidos no Convenio Colectivo terían dereito á recolocación en Unísono.

Pola contra, desviando o traballo aos poucos o persoal non ten dereito a recolocación. Así que as alternativas son claras, ou aceptan unha modificación substancial das súas condicións laborais aceptando Televenda en Bosch ou iranse ao paro.

A situación real é esta, agora queda por saber se a aceptamos ou non. Neste senso solicitaremos unha reunión urxente do Comité para analizar os pasos a dar, pensamos que non podemos quedar cos brazos cruzados vendo como nos deixan sen traballo.

Ningún comentario: