14 de xuño de 2007

Onde está o traballo matarile rile rile...

A dirección de BOSCH comunicou ao Comité de Empresa que 1.000 chamadas semanais de Comunitel, que actualmente se atenden en CAC, serán desviadas a outro call center e que, en base ao histórico do número de chamadas dende o mes de marzo, pensan aplicar o artigo 17. É dicir que haberá despedimentos en CAC.

Parte das chamadas están sendo desviadas a Unísono-Vigo, empresa que semella vai quedar co cliente Comunitel. O luns 50 persoas estarán traballando en CAC-Comunitel en Unísono.

Se Unísono-Vigo pensa quedarse co cliente deberían dar un fin de obra; deste xeito, as persoas que agora traballamos nesta campaña en Bosch teríamos dereito á recolocación en Unísono en base ao establecido no artigo 18 do Convenio.

Pero semella que Comunitel-Unísono-Bosch? teñen apostado por unha liquidación aos poucos, aplicando despedimentos por baixada do volume de chamadas, privando así aos traballadores e traballadoras de Bosch do seu dereito a subrogación en Unísono.

Estamos ante unha manobra empresarial que quere deixarnos no paro aos poucos para eliminar calquera conflito social. Equivócanse.

Comunitel era unha empresa galega que recibiu e recibe inxentes subvencións públicas e ten subscrito contratos con numerosas administracións galegas. Cando Tele-2 mercou Comunitel sabía que en Bosch Vigo había ao redor de 800 persoas traballando para eles.

Os traballadores e traballadoras de Bosch temos o dereito a nosa recolocación en Unísono. Por moito que manobren para deixarnos na rúa, na Confederación Intersindical Galega non imos calar ante esta situación.

Ningún comentario: