13 de xuño de 2007

Convenio colectivo: afastado da realidade do sector

Estamos asistindo a unha situación no sector do Telemárketing totalmente absurda: as empresas están despedindo a milleiros de persoas, na mesa negociadora piden que se faciliten aínda máis as posibilidades de despedir, e CCOO e UGT teñen adquirido o compromiso de non mobilizar ao sector.

Dende o inicio da negociación colectiva do Convenio Colectivo de Telemárketing milleiros de traballadores e traballadoras perderon o seu posto de traballo, 1.300 persoas en Galiza no último ano. Estes despedimentos foron froito da deslocalización, dos supostos fins de campaña ou pola suposta “baixada do volume de chamadas”.

A maior parte destes despedimentos son colectivos, pero as empresas, ao abeiro do artigo 17 do convenio, din que estamos ante casos individuais, polo que non debe ser aplicada a normativa que regula Expedientes de Regulación de Emprego que dá maiores garantías aos traballadores e traballadoras e fai precisa unha autorización da Autoridade Laboral.

Mentres isto sucede, continúa aberta a negociación do Convenio Colectivo Estatal na que as empresas propoñen reformas tendentes a facilitar aínda máis os despedimentos, ampliando o artigo 17.

En Galiza hai aberto un duro e longo conflito laboral contra este tipo de despedimentos na empresa Atento na Coruña. Paros, mobilizacións, manifestacións, etc. O Comité de Empresa ten en marcha un novo calendario de mobilizacións ante os xuízos polos despedimentos. Hai que lembrar que este Comité fixo unha petición aos sindicatos para paralizar a negociación no sector, que só foi aceptada pola CIG.

O conflito continúa aberto, malia que CCOO e UGT asinaron en Madrid un acordo que daba por bos os despedimentos, e que non foi adiante polo rexeitamento do Comité de Empresa, das Asembleas de Traballadores/as e dos afectados/as.

Semella que estes sindicatos asumiron o compromiso coa Patronal de non mobilizar o sector a nivel estatal en tanto continúen abertas as negociacións paralelas por fóra da mesa de negociación do Convenio Colectivo. As empresas despiden a milleiros de persoas, apostan por facilitar aínda mais os despedimentos, pero certos sindicatos apostan por non mobilizar, cando non por desmobilizar, presentando como inevitable o proceso de deslocalización.

Nos vindeiros días a CIG convocará unha Asemblea do Sector de Telemárketing para analizar a situación actual e decidir os pasos a dar.
Agora ben a nosa posición é clara apostamos por un cambio de marco: por un Convenio Galego de Telemárketing.

Ningún comentario: