O pasado venres tivo lugar unha reunión entre o Comité de Empresa de Atento A Coruña, a Dirección e a Consellaría de Traballo, na que estaba previsto que a empresa aportara unha solución para o persoal despedido e garantías de mantemento do emprego. No canto disto, Atento deu a coñecer que o día anterior pechara un acordo coas cúpulas de CCOO e UGT en Madrid.
Nesta mesma reunión, a empresa di que despois de reunirse co presidente de Telefónica, César Alierta, CCOO e UGT teñen chegado a un acordo con Atento, acordo que foi rexeitado polo Comité de Empresa de Atento A Coruña.
Segundo este pacto, no que se dan por bos os despedimentos, Atento pagará unha indemnización de 16 días por ano traballado ás persoas afectadas e, como contrapartida, CCOO e UGT xestionarán unha bolsa de emprego para a posible recolocación destas persoas. Para a CIG esta última medida é un engano, xa que continúa baixando a carga de traballo e Atento e Telefónica teñen previsto continuar coa deslocalización a León, Jaén, Perú e Colombia.
Atento anunciou que este acordo ía ser sometido á súa posible ratificación polo resto de sindicatos estatais que teñen presenza na empresa, pero que en ningún caso contaría coa CIG, xa que segundo a propia empresa “queremos negociar con sindicatos nacionales que tienen una perspectiva general; no negociaremos con sindicatos que defienden intereses localistas”. É dicir, non negociarán coa CIG porque defende os intereses das traballadoras e traballadores galegos.
A Consellaría de Traballo tamén fixo público o seu rexeite a este acordo entre Atento e as cúpulas de CCOO e UGT, xa que non permite garantir os postos de traballo en Galiza.
Na mesma reunión na que o Comité de empresa rexeitou o acordo de Madrid, aprobouse convocar asembleas de traballadoras e traballadores para informar deste acordo e avaliar a situación na cidade de A Coruña.
Máis información en www.galizacig.com
Ningún comentario:
Publicar un comentario