Hoxe 10 de maio tivo lugar a reunión trimestral do Comité de Empresa coa Dirección, na que abordamos a situación actual tanto dos departamentos de “Emisión” como de “CAC”.
Emisión
A empresa confirmounos que Comunitel comunicou o “fin de obra” da campaña de emisión, que pasará a levar a empresa Unisono en Vigo. Tal e como viñemos informando dende a CIG tanto na asemblea coas compañeiras afectadas como nos comunicados.
Dado que estamos ante un “fin de obra” o persoal afectado que o desexe terá dereito á recolocación en Unisono nos termos establecidos no artigo 18 do Convenio Colectivo de Telemárketing.
En todo caso os compañeiros e compañeiras da Sección Sindical da CIG en Unisono, cos que estamos a traballar de xeito coordinado en todo momento, agardan sen ningún tipo de dúbida que a súa empresa asuma o establecido no Convenio e proceda a contratación destas persoas.
De todos os xeitos Bosch está ofertando ás compañeiras a recolocación en televenda ou en “CAC”, algo que non entendemos dada a situación deste departamento. Están “espindo un santo para vestir outro”.
CAC
Bosch xa ten a previsión de chamadas para o mes de xuño; en principio estiman un volume de traballo similar ao de maio.
A empresa comprometeuse a informar previamente ao Comité de Empresa e aos traballadores/as afectados se nalgún momento fose necesario proceder a unha nova recolocación de persoal de CAC noutros departamentos.
Sabemos que quedan moitas materias que debemos negociar coa empresa, especialmente no relativo ao cumprimento do Convenio en materia de horarios, emprego e contratación, pero a situación dos compañeiros e compañeiras dos Departamentos de “Emisión” e “CAC” é hoxe un obxectivo prioritario para a nosa Sección Sindical.
Ningún comentario:
Publicar un comentario