8 de feb. de 2019

ERTE en Bosch, reunión 8 de febreiro

Hoxe mantivemos unha nova reunión de negociación na que a empresa trasladou  as seguintes cuestións:

Duración do ERTE: a empresa reitera a súa proposta de finalización o 31 de xullo de 2019. Non consideran viable reducir este prazo, xa que tamén deben ter en conta a baixada habitual que os servizos teñen no mesmo período e rexeitan a proposta do Comité de reducilo polo menos un mes, ata o 30 de xuño; tal e como se falara nas  asembleas.

No servizos de Provisión e Reclamacións explican que aínda non dispoñen dunha vista definitiva por parte do cliente polo que non poden, neste momento, aportar nova información sobre as medidas nestes servizos. Indican que o luns agardan ter toda a información.

Onte publicouse un formulario para o persoal de HD, solicitando voluntarios e voluntarias para períodos de suspensión de 15 días, 1 mes ou 2 meses. Este formulario estará aberto ata o luns 11 de febreiro ás 10:00 horas. 

De non cubrir as necesidades coa voluntariedade, planificaranse as suspensións necesarias nos distintos departamentos, en base aos criterios de: produtividade, segundo os KPI’s do servizo nos meses de xuño a decembro de 2018, e xornada. A empresa indica que recolle a proposta trasladada polo Comité para intentar afectar o menos posible ao persoal con xornadas máis baixas, pero o primeiro criterio sempre será  por produtividade.

O persoal voluntario, no caso de que a carga de traballo continúe en descenso e se teña que valorar un posible ERE de extinción, serían os últimos afectados.

Bolsa de emprego: manifestan a súa intención de volver a contratar ao persoal despedido de ETT pero non a todo. Na vindeira reunión remitirán os criterios que consideran para que se inclúan na bolsa. Irían reincorporando persoal a medida que a carga de traballo o permita en función do desempeño que tiñan no servizo. Algo co que manifestamos a nos absoluta discrepancia.

Sobre as cuestións de complementos para o persoal afectado polas suspensión, así como manter días de vacacións e a prorrata de pagas extras reiteran que, de entrada, non sería asumible por parte da empresa, pero que volverán a valoralo unha vez teñan unha vista cuantificada da afectación.  

Por parte do Comité non vemos avances significativos na negociación e reivindicamos a nosa postura. Os traballadores e traballadoras non podemos ser os únicos que asumamos as consecuencias económicas desta situación. Se a empresa continúa sen modificar a súa postura vemos moi difícil poder chegar a acordo. A próxima reunión será o luns 11 de febreiro ás 13:00 horas.

Contamos con facer novas asembleas en Vg1 o martes 12 de febreiro e en Vg3.1 o mércores 13 de febreiro, informaremos de horas e salas no próximo comunicado.

Ningún comentario: