13 de feb. de 2019

ERTE en Bosch, fin do período de consultas

Onte rematou SEN ACORDO o período de consultas do ERTE para os servizos de Vodafone. A día de hoxe non temos a acta preceptiva, nin a empresa facilitou os termos de aplicación do ERTE. Non sabemos cando, como e a quen pretende aplicar o Expediente. Bosch pretende agardar a ter novas previsións do cliente, superando o período legal de consultas.

Dificilmente se pode negociar e acordar o que se descoñece, a actuación da empresa vulnera o principio de boa fe na negociación.

Onte falaron de posibles medidas, pero sen pechalas á espera de noticias de Vodafone. Este Comité non ten garantías das medias que se aplicarán.

Carga traballo: A empresa recoñece que hai carga de traballo noutros servizos e pretende contratar persoal externo para cubrilos, xa que segundo eles hai persoal indefinido que non da o “perfil”. Unha fraude absoluta.

Vodafone Reclamacións: Pode que o persoal deste servizo quede excluído o do ERTE.

Vodafone Provisión:
  • Rescindirán a todo o persoal de ETT do servizo durante o mes de marzo e planificarán suspensións para o persoal de empresa dende abril ata xullo de 2019.
  • Realizarán planificacións de máximos, sen minorar o impacto previsto do ERTE. Din que non recibiron a confirmación de Vodafone dos volumes para os próximos meses. No caso de que a carga de traballo sexa maior ao planificado reduciranse os períodos de suspensión (que remedio).
  • Viñan solicitando voluntarios/as, para períodos de 15 días, 1 mes e 2 meses. Entendemos que si hai voluntarios non se atreverán a impoñer forzosos.

Vodafone HD:
  • Pechado o número de persoal voluntario (131 axentes e 34 soportes), indican que non é suficiente polo que precisan realizar mais suspensións (de máximos) conforme aos  criterios indicados na reunión anterior de produtividade e xornada.
  • O persoal voluntario so poderá ser suspendido polo período que indicou na solicitude.
  • Os períodos de suspensión poderían ser en días continuados, non coincidindo con vacacións ou días libres por festivo solicitados, nin tampouco con días de descanso semanal.
  • No departamento de 2N_MTTO, 2N_UCI (especiais) e 2N_RED, non se realizarán suspensións en maio, xuño e xullo. En 2N_PROV non se realizarán suspensións en xuño.

Hoxe mesmo temos solicitado da empresa que facilite os criterios de aplicación do ERTE, legalmente deberían telo facilitado na data de finalización do período legal de consultas, polo que xa estudamos medidas.

Ningún comentario: