20 de dec. de 2017

O PP tumba a ILP e o galego non terá os mesmo dereitos que o castelán, o catalán ou o éuscaro.

Os centros de chamadas manteñen deslocalizados 18.750 postos de traballo en países castelán falantes (o 20% do emprego do sector) e, dende alí, atenden a clientela do Estado, tamén a galega. A ILP demandaba o dereito da clientela a ser atendida en galego cando así o solicite, o cal garantiría atención dende aquí, pero o PP co Feijoo á cabeza votou en contra.

O PP rexeitou no Parlamento Galego a Iniciativa Lexislativa Popular de A Mesa pola Normalización Lingüística que estaba avalada por preto de 30.000 sinaturas.

A CIG-Centros de Chamadas, foi impulsora desta iniciativa, consciente do valor engadido do galego na atención por teléfono. A opción de galego garante maior estabilidade no emprego en Galiza e a creación de postos de traballo co retorno de carga de traballo deslocalizada. Así o entendestes milleiros de teleoperadoras e teleoperadores que asinastes a ILP.

Temos tamén que denunciar a complicidade dos grandes medios de comunicación, que reciben inxentes subvencións da Xunta de Galicia, nalgúns casos para apoiar a normalización do galego (malia que non o usan). A maioría decidiron colaborar coa campaña do Partido Popular para ocultar o debate da ILP e a vergoñenta votación impopular.

Seguiremos dando a batalla, tanto en defensa da estabilidade do emprego coma contra a deslocalización. E, por suposto, por conseguir outras mil primaveras máis para o galego.



Ningún comentario: