9 de nov. de 2016

FOLGA 28 DE NOVEMBRO


Despois da reunión do 28 de outubro, na que a patronal se mantivo nunha posición inflexible, advertiamos que non quedaba outra que seguir no conflito. A nosa intención era convocar novas mobilizacións de xeito inmediato, pero preferimos agardar para que fosen unitarias.

Ata aquí tivemos que facer en solitario gran parte do camiño, a senrazón patronal demostra que atinaramos nas nosas análises sobre a situación da negociación do Convenio, e que acertamos cando vimos xa hai un ano a necesidade de mobilizarnos.

Agora nos chamaron e estamos mantendo reunións co resto de sindicatos presentes na mesa negociadora para tratar de lanzar iniciativas unitarias. Aparentemente a folga do 28 de novembro será unitaria.

Outra cuestión é que seguimos pensando:

·    Que as mobilizacións unitarias deben ser anunciadas de xeito unitario.

·    Que deberiamos marcar uns principios mínimos de Convenio, asumibles por todos e todas, deixando claro para qué pedimos aos traballadores e traballadoras que se mobilicen. Plataforma que debería ser aprobada polo conxunto dos cadros de persoal.

·    Que a participación dos traballadores e traballadoras na folga é fundamental, pero tamén na futura toma de decisión. Calquera acordo debería ser ratificado en referendo polo persoal.

Estes principios forman parte do noso modelo sindical: reivindicativo, combativo, democrático e participativo. Gustaríanos que presidiran calquera acción conxunta.

Así pois a CIG convoca e fai un chamamento a todos os traballadores e traballadoras a secundar a folga de 24 horas do 28 de novembro, así como a participar nas mobilizacións que iremos comunicando nos vindeiros días.


Temos que parar á patronal!!!

Ningún comentario: