20 de xuño de 2016

A loita continúa


A patronal, na reunión do convenio do 16 de xuño, agardaba unha resposta ás avarentas propostas que realizaron na reunión anterior: duración do convenio de 5 anos cunha mísera suba salarial (0,3% para o 2016 e 0,4% para os seguintes), ampliación de bandas horarias, reducir o complemento por I.T nos primeiros días da baixa, continuar traballando ata 9 días seguidos, poder xogar coas quendas do 40% do persoal (sen contar ETT’s) e redución de horas médicas segundo a xornada contratada, entre outros despropósitos. 

A nosa resposta foi clara, NON. A CIG non negocia recortes nos dereitos das traballadoras e traballadores. O noso convenio actual xa é de mínimos, a flexibilidade e a precariedade laboral están á orde do día, con salarios que apenas nos permiten chegar a fin de mes.

Con todo isto a patronal ten a desvergoña de dicir que, pola súa parte, xa fixeron concesións en canto as súas pretensións iniciais, e que deberiamos mostrar máis flexibilidade de cara a un proceso negociador. 

Que non se enganen nin pretendan enganar a ninguén, a súa intención segue sendo a de escravizar. Se desistiron das súas pretensións iniciais, non foi precisamente pola súa vontade negociadora. As “gañas” de negociar sempre chegaron tras a convocatoria de paros e folga. Quen frearon as ansias de avaricia da patronal foron os traballadores e traballadoras que saíron a rúa a loitar polos seus dereitos. 

Se outros prefiren agardar, na CIG témolo claro: a única saída é continuar co conflito, loitando polo noso e plantando cara ás empresas cunha nova xornada de folga.

Ningún comentario: