12 de abr. de 2016

Axudas redución de xornada

No DOG do xoves 31 de marzo saen publicadas as axudas aos traballadores que se acolleron á redución da xornada de traballo, e da que tamén se poden beneficiar as traballadoras que formen parte dunha familia monoparental,  entre o 1 de xaneiro de 2015 e o 30 de abril de 2016 inclusive, durante polo menos 60 días, para o coidado dunha filla ou dun fillo menor de tres anos (ou menor de 12 anos no suposto de que padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33 %).

Tamén poderán acollerse a esta axuda os traballadores (e traballadoras que formen parte dunha familia monoparental) que adopten un/unha menor ou o/a teñan en situación de acollemento familiar, nas modalidades de acollemento familiar permanente ou acollemento familiar preadoptivo. Nestes supostos, para ter dereito á axuda non poderán ter transcorrido máis de tres anos desde a data da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou da resolución xudicial pola cal se constitúe a adopción, sempre que sexa menor de 12 anos.

Hai de prazo desde o 1 de abril até o 1 de maio de 2016 para solicitar as axudas.

Como requisito figura ter uns ingresos non superiores a 5,5 veces o (IPREM) para o ano 2015

Contía das axudas:
a) Cando a redución de xornada sexa de entre o 12,5 % e ata o 25 % dunha xornada laboral a tempo completo e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionábel (8 meses):
a.1) Unha/un filla/o a cargo: 1.700 euros.
a.2) Dúas/dous fillas/os a cargo: 2.000 euros.
a.3) Tres ou máis fillas/os a cargo: 2.300 euros.

b) Cando a redución de xornada sexa superior ao 25 % e ata o 37,50 % dunha xornada laboral a tempo completo e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionábel (8 meses):
b.1) Unha/un filla/o a cargo: 2.800 euros.
b.2) Dúas/dous fillas/os a cargo: 3.100 euros.
b.3) Tres ou máis fillas/os a cargo: 3.400 euros.

c) Cando a redución de xornada sexa superior ao 37,50 % e ata o 50 % ou máis dunha xornada laboral a tempo completo e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionábel (8 meses):
c.1) Unha/un filla/o a cargo: 3.100 euros.
c.2) Dúas/dous fillas/os a cargo: 3.400 euros.
c.3) Tres ou máis fillas/os a cargo: 3.700 euros.

Tedes toda a información (formularios incluídos) nas seguintes ligazóns:


Diario Oficial de Galicia: 31/03/2016
 III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA
RESOLUCIÓN do 28 de marzo de 2016, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas á conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade para os traballadores que se acollan á redución da súa xornada de traballo, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.


VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA
EXTRACTO da Resolución do 28 de marzo de 2016, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas á conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade para os traballadores que se acollan á redución da súa xornada de traballo, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

Ningún comentario: