1 de abr. de 2016

5 de abril: FOLGA!!! As empresas non queren negociar


O día 5 de abril non haberá reunión da mesa negociadora por “problemas de axenda” da patronal ACE, que agrupa as empresas do sector. A reunión estaba fixada dende o 16 de marzo, polo que queda claro que os problemas de última hora da patronal son unha escusa: non quere negociar un novo convenio. A resposta só pode ser apoiar a FOLGA.

Con carácter previo, trasladaramos ao resto de sindicatos unha proposta para unificar mobilizacións que, malia que algúns acolleron positivamente, non fraguou cara ao 5 de abril, data na que lles anticipamos que a CIG tiña decidido convocar unha xornada de folga.

Pensamos que o aprazamento da reunión por parte da patronal, que a maior parte dos sindicatos rexeitamos, é un argumento máis a favor da folga do 5 de abril, polo que nos diriximos de novo aos sindicatos para pedir aproveitar a convocatoria xa feita para que sexa conxunta.

A CIG ten unha responsabilidade como primeira forza no sector dos centros de chamadas en Galiza, non podemos permitir que as empresas pretendan eliminar o convenio. Se alguén o permite a nivel estatal, alá cada quen coa súa responsabilidade.

As propostas que presentamos na mesa negociadora foron avaladas polo conxunto dos traballadores e traballadoras a través dun proceso participativo. Nese senso, ir a folga é mandarlle unha mensaxe á patronal: queremos un convenio, esiximos negociación e que se teñan en conta unhas propostas que o persoal avalou democraticamente.

Ningún comentario: