25 de xan. de 2016

Paremos o sector para parar a patronal!

O 22 de xaneiro reuniuse a mesa de negociación do convenio da cal saímos sen ningún avance.

Nesta ocasión, a patronal puxo como escusa que están realizando cambios na súa Dirección interna e que mentres non remate este proceso, non poden unificar posturas de cara aos puntos que se formulan nas reunións. Na CIG consideramos que xa abonda de tomaduras de pelo.
A patronal está a manter unha postura intransixente á que non nos podemos achegar: eliminar pvd's ou baixar o tempo dos descansos, poder facernos vir traballar cando lles pete, sen que poidamos saber dunha semana a outra se imos poder recoller ós cativos e ás cativas á escola, chegar a casa a cear, ou mesmo canto tempo vas pasar traballando.
Tamén hai que salientar que, durante o ano 2015, o prezo dos produtos de primeira necesidade incrementouse nun 1,4% segundo datos do INE, namentres o noso salario segue conxelado e a patronal non achega propostas razoábeis.
As traballadoras e os traballadores do sector fixemos un esforzo durante os últimos anos aceptando unha suba que nos fixo perder moitos cartos e a patronal pretende que volvamos ser nós quen fagamos o esforzo. O que perdamos hoxe non o imos recuperar mañá.
Dende a CIG xa comezamos facendo mobilizacións nas empresas do país reclamando un Convenio Digno, e agora chegou o momento de que todos os traballadores e traballadoras paremos o sector, para deixarlle claro a patronal que non imos consentir a súa postura, que non poden xogar con nós coma se fósemos monicreques.

Participa nos paros!!!

Martes 2 de febreiro
Quenda de mañá: de 12:30 a 13:30 horas
Quenda de tarde: de 19:00 a 20:00 horas

Ningún comentario: