17 de abr. de 2015

Din que estudan moito, pero non aproban nada


Na reunión da mesa negociadora do Convenio do 10 de abril, os directivos das empresas demostraron ser coma os malos estudantes. Contestan a todo dicindo que “o están estudando”, pero non aproban ningunha das nosas propostas.
Tempo de traballo
A patronal non presentou ningunha proposta en concreto para o capítulo de tempo de traballo, so din que estudarán un sistema para facilitar cambios de quendas para conciliación (hoxe en moitos casos as empresas non cumpren nin a lexislación mínima, polo que a súa intención é cuestionable).
Na coincidencia de festivos con días de libranza remítennos ao Xulgado, que presentemos demandas se non estamos conformes.
Sobre o resto de propostas din que as están estudando, agás a nosa proposta de 35 horas semanais que rexeitan de plano, alegando que a “flexibilidade” que demanda a súa clientela non a fai viable.
Sabemos que as patronais teñen un claro interese en eliminar calquera referencia a unha xornada máxima regulada. Con carácter xeral, as empresas queren impoñer un modelo baseado na produtividade fronte aos horarios, é dicir, que as empresas asignarían unha tarefa a cumprir a cada persoa, independentemente do tempo que lle leve facela. As empresas do noso sector, sempre atentas ás novas formas de explotación laboral, parecen querer unirse a esa tendencia.
Contratación
Con respecto a contratación, non dan respostas definitivas pero xa deixan caer que non cren que se poidan limitar as contratacións temporais (eventuais, obra e moito menos ETT’s).
Din que non fai falla modificar o dos contratos mercantís e sobre os artigos 17 e 18, darán resposta na vindeira reunión xa que aínda o están estudando.
Curioso que as empresas que aplaudiron as reformas laborais, dicindo que acababa coa dualidade entre persoal indefinido e temporal, agora continúen apostando pola temporalidade máis vergoñenta.
Para resumir, a Patronal está comodamente instalada e non ten intención de negociar nada, se non a movemos entre todos e todas.

Ningún comentario: