28 de abr. de 2015

As empresas queren realizar a súa propia reforma laboral


Na reunión do 27 de abril as empresas concretaron as súas propostas de modificación do artigo 17 (que permite os despedimentos colectivos por baixada do volume de traballo).
Os anteriores convenios abriron unha excepción inexplicable para as empresas do sector. Agora a patronal, tirando dunha lóxica perversa, pretende realizar a súa propia reforma laboral. CCOO e UGT aceptaron que o contrato “estable” no sector fose o “contrato temporal por Obra ou Servizo”.
Dado que o Estatuto dos Traballadores/as contemplaba os ERE para os contratos indefinidos, aceptaron tamén incluír no convenio unha fórmula equiparable a un ERE (pero sen as garantías que prevía a lexislación para aqueles), para que puideran despedir de xeito colectivo ao persoal con contrato por Obra ou Servizo. Para iso acordaron o artigo 17.
No anterior convenio, as empresas insistiron en ampliar o artigo: poder despedir nas campañas de Emisión e Back Office. Curiosamente os “sindicatos” que aceptaron aplicar o artigo 17 ao persoal de recepción, dixeron que iso sería o “despedimento libre”. A CIG sempre reclamou a eliminación do artigo 17.
Que quere agora a patronal? As reformas laborais do PPSOE, permiten que as empresas podan iniciar ERE para despedir ao persoal indefinido en base a unha “previsión” de perdas; a ACCE coa súa lóxica perversa pide agora “adaptar” o artigo 17 para poder despedir ao persoal con contrato por Obra por “previsión” da redución do volume de chamadas.
En canto ao artigo 18, cambio de empresa, a ACCE quere que siga tal e como pactaron cos mesmos sindicatos nos anteriores convenios. A CIG sempre reclamou a inclusión da subrogación do persoal.
A vindeira reunión será o 18 de maio; falaremos de vacacións, permisos, excedencias e mobilidade funcional.

Ningún comentario: