21 de feb. de 2014

Bosch e a laranxa podre



Non fixo falta que se celebrara o xuízo pola demanda contra a cláusula abusiva imposta por Bosch nos contratos. Con todo, Bosch e Orange continúan coa súa política laboral inxusta e represiva despedindo a semana pasada a 10 persoas.

Primeiro xuízo polas cláusulas, Bosch agacha a orella

O venres 21 de febreiro estaba previsto o xuízo pola demanda interposta polo noso delegado contra a cláusula de rescisión voluntaria do contrato ligada a obxectivos de produción. A empresa comunicou o 14 de febreiro que deixaba sen efecto esa cláusula, desistindo do xuízo.

Cando Bosch comezou impoñer esa cláusula, puxemos a disposición do persoal afectado un escrito modelo no que se comunicaba o desacordo coa mesma. Así, ao non existir mutuo acordo, entendiamos que a cláusula non estaba en vigor.

Por se acaso, Óscar, o noso delegado destinado en Orange Upselling, presentou unha demanda “ad cautelam”, para que a nosa interpretación fose ratificada por un xulgado. Bosch non quixo chegar a xuízo.

Bosch/Orange conseguiron parte dos seus obxectivos

A pesares dos nosos consellos, a maior parte das persoas afectadas pola implantación unilateral da cláusula decidiron abandonar a empresa cunha cativa indemnización “por medo a ser despedidos ou despedidas de balde no futuro”.

Respectamos as decisións de cada quen, pero non as compartimos. Nunca debemos rendernos ante as ameazas das empresas.

Novos despedimentos e novas mobilizacións

Agora non hai cláusula, pero seguen cos despedimentos por “baixa produtividade”. A semana pasada Bosch/Orange despediron inxustamente a 10 persoas.

Dende a CIG reclamamos a readmisión das persoas inxustamente despedidas e que Bosch se sente a negociar as condicións de traballo na campaña de Orange, abonda de abusos.

Ningún comentario: