4 de xan. de 2013

No ano 2012 un total de 20.553 persoas perderon o seu traballo en Galiza

No mes de decembro a nosa comunidade encabeza a suba do paro con 2.251, mentres descende na media estatal

A CIG considera alarmante o incremento do paro en Galiza no ano 2012, que medrou case que un 8% (7,96%), cun total de 20.553 persoas desempregadas máis que no ano 2011. Os datos do mes de decembro tampouco son mellores. De feito, na media do estado descendeu o paro, porén situámonos como a comunidade na que máis subiu respecto do mes de novembro, con 2.251 parados/as máis. Así as cousas, remata o ano cun total de 278.787 parados/as. 


O desemprego acada cotas que a CIG considera insostíbeis e que son aínda máis graves tendo en conta que nos orzamentos da Xunta para 2013 non se articulan medidas de apoio aos sectores produtivos que permitan pensar nunha pronta recuperación económica e, en consecuencia, que favorezan a creación de emprego. “Insístese na política de recortes, o que vai afondar aínda máis a recesión económica e xerar máis desemprego”, sinala o secretario confederal de Emprego Antonio López Rivera.

Ante isto, a CIG demanda mudar, con urxencia, as políticas baseadas na austeridade para frear a espiral de destrución de emprego que padecemos e que se recoñeza o rotundo fracaso das reformas laborais. López Rivera alerta ademais sobre a situación de exclusión social na que pasarán a estar moitas persoas se non se remata coa política de recortes sociais. No canto diso, insiste na necesidade de activar mecanismos que impidan que miles de persoas que xa están sen ingresos teñan que depender da beneficencia.

O sector onde máis medrou o paro foi no de Servizos, que rexistrou en 2012 un total de 21.796 parados máis que o ano pasado. Porén, respecto do mes de novembro, onde máis medrou foi no sector da Construción, cun incremento do 4,25%, fronte ao 0,58 na media estatal. Tamén Industria experimentou un importante incremento, co 3,23% máis, fronte a media estatal, onde o incremento foi do 0,52%. Fronte a isto, o sector Servizos tivo un lixeiro descendo do paro, que se explica por mor do Nadal e que foi do 0,47%, fronte o 1,62 na media estatal.

Tamén descendeu o número de contratos respecto do mes de novembro en 6.879. Deste xeito, en decembro, asináronse un total de 44.779 dos que o 91,8% foron temporais, o que evidencia a elevadísima temporalidade existente na contratación.

Malia todo, estes datos non chegan a reflectir a gravidade da situación laboral porque non ten en conta o incremento exponencial da emigración neste último ano.

Ningún comentario: