22 de mar. de 2012

A Xunta convoca ao Comité de Sykes a unha xuntanza dous días antes de que remate o período de consultas do ERE

A presidenta do Comité valorou positivamente que, por fin, a Consellaría de Traballo respondese a súa solicitude para manter unha xuntanza na que abordar os termos nos que está plantexado o ERE, mais criticou a tardanza da administración en responder, xa que dito encontro terá lugar o martes 27 de marzo, a tan só dous días de que remate o período de consultas.

Por iso mesmo, Lema demandou da Consellaría unha actuación decidida e clara para evitar unha nova sangría de despedimentos en Sykes, xa que, de levarse adiante, este sería o cuarto expediente de extinción que aplica a empresa en menos de dous anos. De feito, cómpre subliñar que dende o 2010 o número de traballadores/as da plataforma reduciuse a máis da metade, e agora a empresa pretende volver destruír empregos de xeito masivo.

Dende o Comité instouse novamente á Xunta a asumir as súas responsabilidades neste conflito, no senso de obrigar a Telefónica a aclara a que empresa do telemárketing vai levar a campaña “Negocios e Profesionais”. A perda deste contrato é a escusa que alega Sykes para xustificar os despedimentos, pero até o momento non se ten especificado que nova empresa prestará este servizo. Empresa na que o persoal afectado debería ser recolocado tal e como estabelece o artigo 18 do Convenio Colectivo.

Ningún comentario: