14 de mar. de 2012

O Comité de Sykes ocupa as oficinas de Telefónica para esixir que aclare a que empresa vai levar a contrata

O Comité de Sykes Enterprises levou a cabo este martes unha ocupación simbólica no centro de traballo que Telefónica de España ten en Monte Alto, en protesta polo masivo proceso de despedimentos que se está a sufrir na multinacional do telemárketing e para demandar de Telefónica que aclara que a que compañía vai levar esta campaña.

O encerro, que se iniciou pouco despois das nove da mañá, prolongouse até o mediodía. A esa hora, o Comité decidiu dar por remata a acción de protesta xa que parte á parte da representación do persoal non se lle permitiu o acceso ás oficinas de Telefónica, e logo de que ningún/ha responsábel da mesma se dignase a escoitar ou trasladar as reivindicacións dos/as traballadores/as.

Cómpre lembrar que a dirección de Sykes alega a perda da campaña "Negocios e profesionais de Telefónica" para executar o despedimento de 81 traballadores/as indefinidos –vía ERE de extinción- e non renovando o contrato a outros 84 empregados/as temporais. Porén, Sykes aínda non ten aclarado cal é a nova empresa que resultará adxudicataria deste servizo.

Con esta acción o Comité quere reclamar de Telefónica que explique con que outra empresa de Telemárketing contratou esta campaña, esixindo que se faga efectiva a recolocación das traballadoras e traballadores que viñan prestando ese servizo en Sykes, na nova contratista, tal e como esixe o artigo 18 do Convenio Colectivo de Contact Center.

Desde o Comité remitíuselle un escrito á Conselleira de Traballo demandándolle á administración que se implique neste novo ERE en Sykes e que faga que Telefónica recoloque na nova contratista da campaña de "Negocios e Profesionais" as traballadoras e traballadores despedidos. Non obstante, a Xunta non se ten pronunciado a este respecto nin se dirixiu á parte social para coñecer a súa situación.

Así as cousas, o Comité xa anunciou que continuará adiante na defensa dos empregos e da continuidade da plataforma de Sykes na Coruña e o vindeiro xoves, 15 de marzo, haberá concentracións diante da empresa ás 11:00 horas e ás 17:00 horas.


Ningún comentario: