CCOO-UGT e as patronais CEOE e CEPYME, asinaron o 25 de xaneiro o II Acordo Interconfederal, que pacta o contido dos Convenios para os anos 2012, 2013 e 2014. Nese acordo establécense subas salariais por baixo da suba dos prezos e da vida, polo que estamos ante un novo recorte salarial que se suma ao que levamos en 2010 e 2011. Se se aplica este acordo, tal e como teñen aprobado, no Convenio Colectivo do sector de Telemárketing, o recorte salarial pode situarse no 20% dende 2009 ata 2014.
Ademais pactaron introducir nos Convenios medidas de “flexibilidade”, por riba do que pedían as empresas de Telemárketing no noso Convenio. Este é o froito da centralización da negociación colectiva, do modelo sindical de cúpulas que prescinde da participación dos traballadores e traballadoras: recortes e máis recortes.
Aumento da flexibilidade interna na empresa
Outro dos puntos destacados do acordo é que hai que aumentar a flexibilidade laboral, para o que dan máis poder de decisión ás empresas sobre cuestións esenciais, como son a distribución do tempo de traballo, a mobilidade funcional ou a flexibilidade en materia salarial.
En concreto, o acordo indica que:
· Os convenios colectivos deberán facilitar que a empresa poda distribuír irregularmente o 10% da xornada anual.
· Ademais, os convenios colectivos deberían posibilitar que a empresa dispoña de unha bolsa de cinco días (ou 40 horas) ao ano, que poderá alterar na distribución prevista no calendario anual.
· A mobilidade funcional dentro da empresa só debe ser limitada pola pertenza ao grupo profesional ou polas titulacións esixidas. Non se considerará a categoría profesional a efectos de mobilidade funcional.
· Estas porcentaxes poderanse modificar nos distintos ámbitos de negociación.
· Por se todo isto fose pouco, os convenios colectivos deberían contemplar medidas de maior flexibilidade cando a empresa necesite distribuír de xeito irregular máis xornada ou cando necesite maior mobilidade funcional.
O Acordo Interconfederal habilita non aplicar na empresa determinadas condicións de traballo pactadas nos convenios sectoriais.
Este punto, ao igual que os anteriores, supón asumir e ir máis alá do aprobado nas últimas reformas laborais. En concreto, establécense os criterios que deben seguir as empresas para non aplicar, de xeito temporal, cuestións coma o horario e distribución da xornada, réxime de traballo a quendas, sistema de remuneración ou as funcións a desempeñar polos traballadores e traballadoras.
A redución masiva de salarios reducirá o consumo e agravará a crise; a implantación da flexibilidade precarizará aínda máis as condicións laborais e incrementará os despedimentos. Din que é un acordo polo emprego, pero xerará máis paro, pobreza e precariedade. Simplemente as cúpulas do sindicalismo español venderon aos traballadores e traballadoras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario