O BOE do 18 de novembro publica o Real Decreto 1543/2011 polo que se regulan as prácticas “non laborais” nas empresas, o último agasallo do PSOE ás patronais. Con este decretazo, que pode facer estragos no noso sector, rexurde a figura do “aprendiz”.
As empresas poderán “contratar” aprendices, persoas entre os 18 e os 25 anos e incluso con experiencia no sector de ata 3 meses.
Non existirá relación laboral, non cobrarán salarios e a única compensación serán unhas “bolsas” polo 80% do IPREM mensual (indicador que este ano está en 532 euros). O Real Decreto non regula o tipo de encomendas ou outras condicións laborais que afectaran aos/ás aprendices.
Iso si, a “contratación” de aprendices pode dar lugar a subvencións para as empresas que compensen os gastos derivados das accións de titoría e avaliación.
Coa última medida do PSOE as empresas poderán poñer persoal a traballar por 426 euros ao mes, o que pode facer que teñan a tentación de desfacerse de persoal actual.
O Convenio Colectivo Estatal continua bloqueado pola patronal, sabedora de que as continuas reformas antisociais e laborais, antes do PSOE e no futuro do PP, fortalecerán o seu poder. Din que queren o despedimento exprés, e para iso propoñen un novo redactado do artigo 17 que é ilegal (quizás coñezan algúns dos cambios que porá en marcha o novo goberno). Ademais, levamos 23 meses cos salarios conxelados, nun sector que non está en crise.
Fronte aos continuos cambios normativos que están debilitando aos traballadores e traballadoras, debemos blindar as nosas condicións laborais coa negociación dun Convenio marco que poña cota a ofensiva política das patronais e dos seus gobernos monicreques. Para iso é preciso abandonar o sectarismo sindical e propoñer medidas conxuntas co suficiente calado para forzar á Patronal a negociar. É preciso blindar os nosos postos de traballo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario