4 de set. de 2010

Comunicado n 10 Convenio Colectivo: 21 meses despois


Táboas Salariais 2009


A reunión da mesa negociadora viu precedida pola reunión da Comisión Paritaria na que ACCE-CCOO-UGT, aprobaron as táboas salariais do ano pasado (que tiñan que ser aprobadas en xaneiro de 2009, fai 20 meses) pero aínda quedan pendentes do visto bo da patronal.

Non pagaron os atrasos cando correspondían, agora continúan dándolle voltas ás táboas e aínda hai quen está contento e vende coma un logro que haberá táboas con 21 meses de retraso. Como di o refrán “cantos burros alimenta a fariña”.

“Negociación” do novo Convenio

En relación á negociación do Convenio o período de vacacións que se tomaron as empresas tampouco serviu para avanzar; a reunión do día 2 de setembro centrouse nos primeiros artigos do Convenio que falan de: “extensión”, “ámbito temporal” e “compensación, absorción e garantías”.

Sindicatos centralistas e patronal están de acordo en que non se podan negociar convenios de ámbito inferior, é dicir prohiben negociar convenios de empresa ou o convenio de ámbito galego. Non é lóxico impedir que se negocien acordos que melloren o convenio noutros ámbitos, está claro porque a patronal defende esta prohibición, pero CCOO e UGT deberían explicar o motivo.

Máis alá de prohibir negociar noutros marcos, o resto da mañá foi unha disertación sobre a duración do Convenio (con propostas de 2 a 10 anos “se era bo” dixeron algúns). É absurdo falar do que debería durar cando aínda non se avanzou en ningunha das cuestións de calado.

Cremos firmemente que é necesario mobilizar o sector para desbloquear a negociación e conseguir avances reais, o goberno prepara novas reformas, entre elas a da negociación colectiva, continuar alongando a negociación só prexudica aos traballadores/as do sector, como xa nos prexudicou a reforma laboral. Non é o momento de rirlle as grazas á patronal, o 29 de setembro temos folga xeral.

Ningún comentario: