O 10 de marzo, día da clase obreira galega, a CIG ten convocado manifestacións en todas as cidades galegas, non só contra a reforma das pensións si non tamén en defensa do emprego e dos salarios.
A crise tivo o seu orixe nos Bancos e os gobernos puxeron en marcha rescates multimillonarios que xeraron un gran déficit público (no estado español as axudas ás entidades financeiras poden chegar aos 173.000 millóns de euros mais 82.000 millóns de euros a través do Banco Central Europeo).
Agora co gallo do déficit público a Unión Europea está obrigando aos estados membros a tomar medidas ante a situación de crise económica insistindo na vía dos recortes sociais (en materia de pensións, contratación, dos salarios) e na privatización dos servizos públicos (saúde, caixas de aforros, etc).
Recortes no emprego: O paro bate records e as empresas continúan despedindo.
O número de parados incrementase día a día, xa que as empresas de todos os sectores por todo o país están aproveitando as facilidades para despedir. Pero en moitos casos a crise é unha escusa e no transfundo está a deslocalización de numerosas empresas, como é o caso do telemárketing. Mais ala da defensa dos postos de traballo en cada unha das empresas é preciso dar unha resposta común. Hai que mobilizarse contra o recorte das pensións, pero tamén por estes outros motivos.
Recortes nas pensións: traballar ata os 67 anos.
O alongamento da vida laboral ata os 67 anos, o endurecemento das condicións para xubilarse anticipadamente ou prexubilarse e o incrementos dos anos cotizados para o calculo das pensións responden a unha lóxica perversa. O sistema de pensións público non está en crise, o problema real son as cotizacións intermitentes das persoas novas debido a temporalidade, que ademais implica unhas cotizacións polas bases mais baixas.
Recortes nas condicións laborais: unha nova contra reforma laboral.
Onde as taxas de temporalidade son maiores é maior o medre do paro, pero no canto de reducir e penalizar a temporalidade están negociando unha nova reforma laboral na que a patronal insiste en abaratar os despedimentos e incluso están negociando levantar as poucas restricións ás Empresas de Traballo Temporal.
Pero nesa reforma están falando de flexibilizar aínda mais os horarios ou de modificar a negociación colectiva para alonxala dos seus protagonistas os traballadores e traballadoras.
Recortes nos salarios: Subas máximas do 1% para este ano
O novo pacto de contención salarial asinado en Madrid por CCOO-UGT-CEOE reincide na rebaixa dos salarios, cargando na clase traballadora a saída da crise. Un acordo a tres anos cun tope máximo de incremento salarial do 1% para o 2010, o 1,5% no 2011 e entre o 1,5 e o 2,5% no 2012.
Por todo isto o vindeiro 10 de marzo participa nas manifestacións convocada pola CIG en toda Galiza. Está en xogo que consigamos unha saída mais social fronte a crise ou que nos impoñan novos recortes sociais e laborais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario