Como punto previo á reunión pedimos un posicionamento da mesa negociadora en contra do actual proceso de deslocalización de Vodafone que afecta a varias plataformas a nivel galego. Recibimos o apoio da CGT, CCOO e UGT, din que se opoñen a deslocalización pero é un problema legal que non corresponde a mesa negociadora. ACCE non se quere manifestar contra “os seus clientes”... pois vale.
Os sindicatos demandamos como punto previo que se cumpra a suba salarial do anterior convenio, negándose a patronal por estar ademais xudicializada a cuestión. A CIG quere que se abone o 2,25% pactado, incluíndo unha cláusula que non nos obrigue a devolver diñeiro se a sentenza do Tribunal Supremo fose favorable ás empresas. Tamén temos que denunciar a outros sindicatos que “protestaron” polo impago e agora piden subas do 1% para este ano e nas súas plataformas, volven ligar o salario ao IPC.
Posteriormente decidiuse continuar coa negociación, a espera da resolución xudicial e entregáronse as distintas plataformas. Como introdución, solicitamos que se podan negociar convenios a nivel galego e de empresa, que podan mellorar as condicións laborais de xeito pactado, para pasar as nosas reivindicacións básicas:
SALARIOS
Dixemos que a CIG non está atada polo acordo interconfederal (asinado por CCOO, UGT e CEOE) que recolle unha suba para o ano 2010 entre o 0 e o 1%. Reclamamos unha suba lineal de 540 euros.
Defendemos tamén a creación dun complemento por antigüidade de 50 euros por paga, a cobrar a partir dos 5 anos na empresa.
EMPREGO
Despois de 11 anos, o sector non se pode considerar en vías de consolidación, a temporalidade é inaceptable, o emprego estable é o emprego fixo. A temporalidade debe acotarse á causalidade só para casos moi concretos. Así mesmo os despedimentos colectivos deben ampararse na lexislación básica, desaparecendo as excepcións que contempla o Convenio.
XORNADA
É preciso reducir o tempo de traballo para crear emprego, reivindicamos a xornada de 35 horas sen rebaixa salarial. Así mesmo reivindicamos medidas para ampliar o tempo de descanso.
CARREIRA PROFESIONAL
A comisión creada non serviu para nada. É preciso redefinir o catálogo de postos neste convenio sen máis dilación.
Apostamos pola creación de 2 novas categorías: teleoperador de 1ª e xestor/a de 1ª cun incremento salarial do 4% sobre as táboas actuais.
Quedaron fixadas 2 novas reunións para o 5 e o 16 de marzo. Na do día 5 trataremos incentivos, pluses e tempo de traballo.
Por parte da CIG farémosvos chegar a nosa Plataforma nos vindeiros días co fin de que coñezades as reivindicacións que trasladamos á mesa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario