15 de maio de 2009

Despedimentos en Orange, xuízo contra Ader e recoñecemento categoría

Despedimentos en Orange:

Onte RRHH comunicou que debido a unha suposta baixada no volume de chamadas reducirá persoal na campaña, haberá recolocación pero tamén despedimentos.

A Campaña de Orange ten a metade do persoal que tivo en Vigo, non sabemos se esta campaña foi deslocalizada a Bosch-BUA (Arxentina).

Novamente Bosch despide alegando baixada do volume de chamadas, pero non aplica o Convenio porque o persoal despedido é de ETT. O Convenio de Telemárketing non dá cobertura a metade do persoal de Bosch, contratado por ETT.

Lembrade que en caso de despido non debedes asinar ningún finiquito nin documento sen asesorarvos. En moitos casos (como nos despedimentos do verán) os contratos temporais están en fraude de lei, polo que temos dereito a recibir unha indemnización maior da ofertada.

Xuízo contra Bosch e Adder ETT:

Falando de ETT, comentar que o pasado día 12 de maio tivemos un xuízo de reclamación contra Bosch e contra Adder (a peor das ETT que traballan con Bosch). Unha vez máis, unha traballadora foi represaliada por disfrutar da redución de xornada por maternidade.

Estamos a espera de sentenza, pero dende logo e dado que tanto Bosch como Adder non é a primeira vez que teñen este tipo de condutas, estamos valorando darlle unha contestación sindical.


Acordo recoñecemento da categoría de xestor/a:

Nunha empresa da competencia en Vigo a CIG conseguiu, despois de interpoñer demandas xudiciais e celebrar asembleas, un acordo polo que o persoal dun departamento terá a categoría de xestor/a.

Levamos moito tempo demandando de Bosch unha negociación para que se revisen as categorías do persoal de Help-Desk, pero semella tarefa imposible.

Dende esta perspectiva estamos estudando as vías para presentar posibles demandas de categoría co fin de conseguir que o persoal de HD cobre polo traballo especializado e complexo que realiza, xa que non son teleoperadores/as.

Ningún comentario: