O 20 de febreiro do 2008 entraba en vigor o Convenio Colectivo 2007-2009, un acordo que cabe lembrar non foi subscrito pola CIG.
O artigo 14 do Convenio establece que o 30% do persoal de operacións vinculará a súa relación laboral baixo a modalidade de contrato indefinido. Esta porcentaxe, que estivo a debate durante o período de negociación, finalmente non foi modificada.
A conversión de contratos temporais en indefinidos debe realizarse no primeiro trimestre do ano, pero desta volta alongouse no tempo debido a diferenzas en gran parte das empresas. É agora cando podemos facer unha valoración global.
O sector de Telemárketing dá emprego en Galiza aproximadamente a 6.500 persoas. Este ano, en aplicación do convenio, foron transformados en indefinidos pouco máis de cen contratos. Pola contra a taxa de temporalidade real está por riba do 70% que marca como límite o convenio para o persoal de operacións.
Cando as empresas levan varios anos de funcionamento xa teñen o 30% de persoal indefinido. Dado que non se modificou esta porcentaxe no Convenio, a maior parte das empresas din que só teñen a obriga de realizar transformacións en indefinidos para cubrir as baixas na empresa do persoal fixo.
Por outra parte existe certa “picaresca” empresarial, facendo uso da liberdade organizativa que lles concede a lexislación, realizan contratacións indefinidas a quen queren sen cumprir os requisitos establecidos no Convenio. Posteriormente pretenden incluír os contratos indefinidos realizados a dedo (en moitos casos para cobrar subvencións) para o cálculo do 30% establecido no Convenio. Un auténtico fraude.
Este fraude repítese en todas as grandes empresas: Atento, Eurocen, Unísono ou Bosch, polo que temos presentado un conflito colectivo nesta última empresa, que está previsto para o mes de outubro e que será de gran importancia para todo o sector, clarificando se esta “picaresca” empresarial é legal.
En definitiva, o balanzo dun ano de convenio en materia de emprego non podía ser máis pobre: pouco máis de 100 novos contratos indefinidos sobre 6.500 traballadores/as (1,5% máis); a temporalidade por riba do 70%; e actuacións fraudulentas das Direccións das empresas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario