18 de feb. de 2008

Contra a carestía da vida, Salarios dignos


Na CIG tomamos a decisión de mobilizarnos como Central Sindical para denunciar socialmente a perda constante, durante estes anos, da capacidade adquisitiva dos salarios. Diferentes causas poden explicar as razóns polas que a clase traballadora está pagando un tributo a modo de imposto, no que unha parte importante das nosas retribucións son transferidas á contabilidade e beneficios das empresas; e cando os índices de pobreza dispáranse en Galiza, asociados a baixos salarios e pequenas pensións.

Unha das razóns máis importantes para explicar este retroceso nas rendas dos traballadores e traballadoras, ten que ver co Pacto de Contención Salarial que dende o ano 2002 asinan en Madrid os Sindicatos UGT e CCOO cos empresarios. Neste pacto acordan que os Convenios Colectivos incrementen inicialmente o IPC previsto do 2%, cando saben que o resultado final da inflación será sempre superior a esta cifra, (no 2007 o 4,2%). Tamén saben que moitos Convenios non terán revisión salarial, e moitos outros non compensarán con carácter retroactivo a diferencia entre IPC previsto e IPC real a final de ano.

Ás cúpulas de CCOO e UGT non parece importarlles as evidencias de distintos indicadores que denuncian un retroceso importante do peso dos salarios no PIB (Produto Interior Bruto), mentres en sentido contrario os beneficios das empresas crecen nunha constante esaxerada máis de 3 puntos. Por esta razón a CIG demanda incrementos dignos de salarios nos Convenios que negociamos en Galiza, e naqueles Convenios nos que temos representación maioritaria non permitimos, nin permitiremos, a aplicación do Pacto asinado en Madrid. Loitando acadamos melloras que aseguran a capacidade adquisitiva dos salarios.

Tamén temos maiores dificultades para chegar a fin de mes porque o IPC non mide debidamente os efectos da inflación nas economías máis modestas da clase traballadora. A carestía da vida aféctamos especialmente polos incrementos nos produtos básicos de consumo, nos carburantes e na vivenda. Os prezos dos alimentos no seu conxunto medraron no 2007 un 6,6%, pero determinados alimentos como o pan e os cereais subiron un 10,6% e os lácteos, queixo e ovos incrementáronse o 18,1%. Estas son as subidas que verdadeiramente afectan á economía da clase traballadora, xunto coa vivenda que nos últimos anos subiu máis do 15% de media. Pero a compra da vivenda e as hipotecas non está contabilizada no IPC. Os Gobernos manipulan este índice para que a inflación sexa menor e deste xeito as subas de salarios, das pensións e das prestacións públicas son tamén menores.

O día 21 de febreiro a CIG mobilízase en Compostela contra a perda da capacidade adquisitiva dos salarios e pola carestía da vida. Participa con nós para acadar salarios dignos nos nosos Convenios en Galiza, non permitindo que CCOO e UGT refuxiados nun pretendido “Diálogo Social Permanente” sigan asinando Pactos cos empresarios nos que o reparto da riqueza que creamos sexa tan inxusta e desigual. Os empresarios máis ricos e a clase traballadora máis pobre.

Ningún comentario: