29 de nov. de 2007

O 7 de decembro todos e todas á FOLGA

2 euros

Un café e un xornal, iso será o que poderemos mercar todos os meses co incremento salarial que pactaron CCOO e UGT para o ano que vén, no preacordo do Convenio Colectivo de Telemárketing.

Os salarios subirán o ano que vén o IPC + 0,25%. Subir o IPC é quedarnos co que temos, por riba do que hoxe cobramos os salarios subirán un 0,25% que aplicado sobre os 800 euros supón 2 miserables euros.

Por moito que se esforcen en mentir iso é o que gañaremos máis todos os meses co novo e flamante Convenio, un acordo que a CIG non asinará por cutre e miserento.

Rebelión a bordo de CCOO e UGT

As Seccións Sindicais de CCOO e UGT en varias empresas de telemárketing (por exemplo en Eurocen e Atento - A Coruña) teñen sacado comunicados en contra do preacordo e a Federación de Telecomunicacións de CCOO anunciou que non firmarán o Convenio aínda que o faga a Federación de Banca de CCOO (Comfia) asinado polas cúpulas dos seus propios sindicatos. Consideran que o Convenio é insuficiente.

As empresas anuncian despedimentos

Non felices con rirse de nós, subíndonos os salarios dous euros ao mes, o día 27 de novembro o voceiro da patronal anunciaba no diario Cinco Días que as empresas planean despedimentos masivos asociados a deslocalizacion. Suma e segue.

Telemárketing en Folga o 7 de decembro

O Preacordo de Convenio está no aire, podemos conseguir que non se asine obrigando as empresas a negociar un Convenio Digno que garanta o emprego, free a temporalidade e por uns salarios dignos. A maior parte dos 8.000 postos de traballo do telemárketing en Galiza están en perigo debido á deslocalización.

Hoxe, máis que nunca, é preciso que os traballadores e as traballadoras do sector unamos as nosas forzas participando activamente na FOLGA que a CIG e CGT convocamos para o vindeiro día 7 de decembro. En todo caso se finalmente CCOO e UGT se pregaran á Patronal e asinaran o Convenio Colectivo esta FOLGA quedaría desconvocada. Ante esta posible circunstancia é importante que esteades en contacto cos delegados e delegadas na vosa empresa.

Pola nosa dignidade, contra a temporalidade, en defensa dos postos de traballo, o 7 de decembro todos e todas á FOLGA.

Ningún comentario: