30 de abr. de 2007

Concerto contra a precariedade


Por segundo ano consecutivo a Mocidade da CIG en Vigo organiza a segunda edición do Concerto contra a Precariedade. Desde a CIG Mocidade fan un chamamento á asistencia a este acto como “unha forma lúdica de reivindicar os nosos dereitos no Día do Internacionalismo Proletario”.

A CIG Mocidade informa desta convocatoria polo 1 de Maio no que “a nosa festa ven marcada por máis recortes na Protección Social por parte do goberno ‘Socialista e Obreiro’ do PSOE, que non fai máis que consolidar a liña política en materia laboral que comezou xa nos 90 co goberno de Felipe González e que foi continuada polo goberno do PP con Aznar”.

Ademais desde a CIG denuncian o papel de CCOO e UGT xa que “todo isto estivo e está avalado e apoiado polo sindicalismo españolista que dan unha vez máis as costas a clase traballadora”.

Así mesmo a CIG Mocidade incide nas demandas e alternativas que a mocidade traballadora precisa: “A CIG non vende nin nos seus ideais nin a clase á que defendemos. Precisamos un Marco Galego de Relacións Laborais con plenas competencias para lexislar en materia laboral acorde coa nosa realidade social e laboral”.

Desta volta o Concerto reivindicativo contra a Precariedade contará coas actuacións dos grupos Nao, Festicultores Troupe e Skárnio, que actuarán a partir das 18:30 horas no Parque de Castrelos.

Desde a CIG Mocidade fan un convite “a unha festa rachada até a noite”, e engaden que “tamén participaremos da manifestación que organiza a CIG e que sairá ás 12 horas desde o cruce da Dobrada e posteriormente do xantar de confraternidade que se celebrará no Parque de Castrelos para o que contaremos co SLG (Sindicato Labrego Galego)”.

Ningún comentario: