Amosando publicacións coa etiqueta Negociación I Convenio. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Negociación I Convenio. Amosar todas as publicacións

26 de xan. de 2012

Levamos perdida unha paga en 2 anos sen Convenio

As empresas de Telemárketing non sofren as consecuencias da crise, pero pretenden que asumamos as consecuencias dunha crise que nós non provocamos e que elas non padecen. Algunha das grandes empresas deste sector, que nos nega a suba salarial, publicou que no primeiro semestre do ano pasado os seus beneficios subiron un 25% (Atento).

25 de nov. de 2011

Último recorte do PSOE sen que teñamos un Convenio que nos ampare

O BOE do 18 de novembro publica o Real Decreto 1543/2011 polo que se regulan as prácticas “non laborais” nas empresas, o último agasallo do PSOE ás patronais. Con este decretazo, que pode facer estragos no noso sector, rexurde a figura do “aprendiz”.

20 de xuño de 2011

Asemblea e manifestación nacional contra a reforma da negociación colectiva

A CIG telemárketing de novo na rúa en demanda do Convenio








Unha vez escenificada a ruptura da negociación entre (CEOE-CCOO-UGT), o Goberno Central aprobou por Decreto a Reforma da negociación colectiva. Unha vez máis estamos ante decisións de recortes sociais que toman a crise como escusa pero que foron formuladas con antelación á mesma: a “flexiseguridade” foi plantexada pola UE no 2007. Un decretazo que empobrece os Convenios e lles resta eficacia fronte as decisións da empresa.

Comunicado xornada de loita

7 de xuño de 2011

8 de xuño xornada de loita polo Convenio.

Preparando o material para a xornada de loita
Hoxe estivemos preparando o material para a xornada de loita de maña 8 de xuño, día en que se cumpriran 524 días co salario conxelado por mor do bloqueo do Convenio Colectivo Estatal. Imos para 18 meses sen Convenio.

Bosch é unha das empresas responsables do bloqueo, xa que forma parte da patronal ACCE, o mesmo que Unísono.

Son elas as que queren un convenio con conxelación salarial e con despedimento libre tanto para o persoal indefinido como para o persoal temporal.
A súa avariza non ten límite, malia o incremento do volume de negocio e do seu beneficio en tempos de crise teiman en recortar salarios e dereitos. A CIG daralle resposta maña 8 de xuño coa convocatoria dunha xornada de loita sectorial en Vigo, continuación da desenvolvida o pasado 1 de xuño na Coruña

19 de xan. de 2011

Convenio: a patronal só quere ampliar a temporalidade e axilizar os despedimentos

Na reunión do día 17 de xaneiro, á que non puidemos asistir por quedar en terra os avións, a patronal que representa a todas as empresas de telemárketing, anunciou que o vindeiro 4 de febreiro presentará unha proposta para modificar os artigos 17 e 18 do Convenio, que sen esta modificación non será posible chegar a un acordo.

Despois dun ano coa negociación aberta, que non un ano negociando, veñen con que hai que ampliar a temporalidade e axilizar os despedimentos.

28 de nov. de 2010

Convenio de transición?, non grazas.

Na negociación do convenio colectivo están en xogo as nosas condicións laborais, a suba salarial, horarios e xornada, permisos, saúde laboral ou o réxime de despedimentos, algo, por outra banda, desgraciadamente habitual no sector.

Levamos 11 meses coa mesa de negociación do Convenio Colectivo de Telemárketing aberta, sen ningún tipo de avances debido á posición pechada e oportunista da patronal.

Durante este tempo, malia a nosa predisposición, non houbo unha soa medida de presión conxunta. CCOO e UGT nin contestaron ás nosas propostas de unidade de acción.

Así mesmo, a negociación deste Convenio vén precedida dun Acordo Estatal de Negociación Colectiva, asinado entre a CEOE (na que están integradas as empresas de telemárketing), CCOO e UGT, para topar a suba salarial no 1% nos convenios que se negocian este ano.

Con este panorama, o 25 de novembro tivo lugar unha reunión en Madrid entre as cúpulas da CEOE, CCOO e UGT para “intervir” na negociación de 170 convenios bloqueados, supoñemos que entre eles está o noso.

Ao fío disto, o día 26 de novembro na mesa negociadora do Convenio de Telemárketing, CCOO e UGT propuxeron un “convenio de transición por dous anos”, é dicir que nos suban os salarios un 1% e os resto todo siga igual de mal.

Dende a CIG anunciamos que hai que falar da suba salarial, non dun miserable 1% dende logo, e sobre todo da contratación. Así se quedou para o mes de decembro.

En definitiva estamos ante unha mostra evidente da podremia do marco estatal de negociación, un marco favorable á patronal e negativo para os traballadores e traballadoras, que nos reafirma na nosa proposta de Convenio Galego para os Centros de Chamadas.

25 de out. de 2010

Exitos dos paros en Galiza



Galiza foi a nación do Estado onde os paros convocados a nivel estatal pola situación da negociación do Convenio do sector de telemárketing tiveron un maior seguimento, despois de que a CIG decidira sumarse á convocatoria, que non foi apoiada nin por CCOO, nin por UGT.


O paro dunha hora, na quenda de mañá das 12 ás 13 horas e na quenda de tarde das 18 ás 19 horas, foi un éxito en toda Galiza, nomeadamente nas cidades da Coruña e Vigo que concentran o maior número de empresas.

A folga afectou a todas as campañas que atenden estas subcontratas e durante a mesma os teleoperadores e teleoperadoras concentráronse diante dos respectivos centros de chamadas en demanda dun convenio digno. Os paros non foron apoiados nin por CCOO, nin por UGT.

Negociación bloqueada

A negociación do convenio de telemárketing está bloqueada dende principio de ano debido a actitude prepotente da patronal que, inicialmente defendeu atrasala até que estivera aprobada a reforma laboral para aplicala no Convenio Colectivo e que agora pretende atrasala novamente á espera da reforma da negociación colectiva.

Xa antes do verán a CIG trasladou aos distintos Comités de Empresa a proposta de realizar mobilizacións. Porén, as diferenzas sindicais impediron daquela chegar a un acordo despois de que a maior parte das outras centrais que, segundo CIG-Telemárketing, “actúan como franquicias” anunciaran que tiñan que pedir autorización ás súas direccións de Madrid.

Neste momento a CIG estuda un calendario de novas mobilizacións no sector para evitar que a patronal tire beneficio das reformas antisociais do goberno central do PSOE.

Precariedade arrastrada desde o anterior convenio e deslocalización

Desde o sector de telemárketing do sindicato nacionalista lembran que durante o período 2007-2009, no que se aplicou o anterior convenio que mantivo as precarias condicións laborais, as empresas reduciron no Estado 1.741 postos de traballo.

No mesmo período as mesmas empresas crearon 15.052 postos de traballo en terceiros países, froito dunha deslocalización sen límites coa complicidade dos gobernos autonómico, central e da AEPD (Axencia Estatal de Protección de Datos).

Diante desta situación, para a CIG-telemárketing queda claro que a precariedade e os baixos salarios non son a receita fronte a deslocalización.

24 de set. de 2010

+ De “28 semanas despois”

Nove meses (36 semanas) despois de que rematase a vixencia do Convenio abordamos na mesa “negociadora” a ordenación do tempo de traballo e seguimos dándolle voltas sen intención de avanzar en nada. Pensamos que as propostas da patronal falan por si soas, así que pasamos a expoñervos o anunciado polas empresas de Telemárketing e as nosas propostas:
Cómputo Xornada:
Proposta ACCE
Proposta CIG
Eliminar referencia á xornada semanal (poderían asignarnos os horarios de xeito flexible, unha semana traballas 30 horas, a seguinte 10, etc.).
Computar a xornada irregular en cómputo anual (o mesmo). E aplicar tamén a xornada irregular para os contratos a tempo parcial a 30 horas.
Reparto do tempo de traballo para crear emprego, establecendo a xornada semanal de 35 horas.
Xornada irregular: máximo de 7 días seguidos con 2 días de descanso ininterrompido.
Tempo Descanso durante a xornada (independente das pausas PVD):
Proposta ACCE
Proposta CIG
Reducir a 15 minutos.
Dada a carga mental do traballo que desenvolvemos propoñemos:
De 4 a 6 horas de traballo, 20 minutos.
De 6 a 8 horas, 35 minutos.
Máis de 8 horas, 50 minutos.
Libranza fin de semana ao mes:
Proposta ACCE
Proposta CIG
Manter os 2 actuais.
Incrementar a 3 fines de semana libres ao mes.
Quendas:
Proposta ACCE
Proposta CIG
Ampliar a quenda de mañá de 6 a 17, e a de tarde das 14 á 1 da mañá.
Con horario partido, a xornada poderá finalizar ás 21 horas, e o tempo entre a xornada de mañá e a de tarde poda ser maior de 2 horas.
Suprimir negociación colectiva para a ampliación das bandas horarias.
60% do persoal de cada campaña en quenda continua.
Vacacións:
Proposta ACCE
Proposta CIG
Como están.
Contemplar a sentenza do Tribunal Supremo que establece o dereito as vacacións non disfrutadas por IT.
Permisos retribuídos:
Proposta ACCE Proposta CIG
As 35 horas para ir ao médico serán proporcionais á xornada contratada e á duración do contrato.
Solicitamos os seguintes permisos:
Aumentar as horas de asistencia ao médico, tanto se é da Seguridade Social como non, a 80 horas anuais e incluír dentro destas as de acompañamento ao médico a menores de 14 anos e ascendentes maiores de 65 anos.
Aumento de todos os permisos ata o 3º grao de parentesco.
Equiparar o permiso de días libres por matrimonio a parellas de feito.
Incluír un novo permiso de 3 días de libre disposición.
E despois disto rematou a reunión, marcando unha nova para o 15 de outubro. Perdemos o tempo falando do tempo (de traballo, iso si).

4 de set. de 2010

Comunicado n 10 Convenio Colectivo: 21 meses despois


Táboas Salariais 2009


A reunión da mesa negociadora viu precedida pola reunión da Comisión Paritaria na que ACCE-CCOO-UGT, aprobaron as táboas salariais do ano pasado (que tiñan que ser aprobadas en xaneiro de 2009, fai 20 meses) pero aínda quedan pendentes do visto bo da patronal.

Non pagaron os atrasos cando correspondían, agora continúan dándolle voltas ás táboas e aínda hai quen está contento e vende coma un logro que haberá táboas con 21 meses de retraso. Como di o refrán “cantos burros alimenta a fariña”.

“Negociación” do novo Convenio

En relación á negociación do Convenio o período de vacacións que se tomaron as empresas tampouco serviu para avanzar; a reunión do día 2 de setembro centrouse nos primeiros artigos do Convenio que falan de: “extensión”, “ámbito temporal” e “compensación, absorción e garantías”.

Sindicatos centralistas e patronal están de acordo en que non se podan negociar convenios de ámbito inferior, é dicir prohiben negociar convenios de empresa ou o convenio de ámbito galego. Non é lóxico impedir que se negocien acordos que melloren o convenio noutros ámbitos, está claro porque a patronal defende esta prohibición, pero CCOO e UGT deberían explicar o motivo.

Máis alá de prohibir negociar noutros marcos, o resto da mañá foi unha disertación sobre a duración do Convenio (con propostas de 2 a 10 anos “se era bo” dixeron algúns). É absurdo falar do que debería durar cando aínda non se avanzou en ningunha das cuestións de calado.

Cremos firmemente que é necesario mobilizar o sector para desbloquear a negociación e conseguir avances reais, o goberno prepara novas reformas, entre elas a da negociación colectiva, continuar alongando a negociación só prexudica aos traballadores/as do sector, como xa nos prexudicou a reforma laboral. Non é o momento de rirlle as grazas á patronal, o 29 de setembro temos folga xeral.

16 de xuño de 2010

A patronal suspende a reunión do Convenio á espera da reforma laboral


A patronal de telemárketing anunciou hoxe que quere suspender a reunión da mesa negociadora do Convenio Colectivo prevista para o día 18 de xuño, á espera de que o Goberno do PSOE aprobe a reforma laboral.
As empresas de telemárketing queren agardar a coñecer os recortes de dereitos laborais (maior flexibilidade interna, abaratamento e facilidade dos despedimentos, modificación dos modelos de contratación, posibilidade de que as empresas deixen de aplicar o convenio alegando mala situación económica, etc), para trasladalos ao noso Convenio.
Pola nosa parte solicitamos que se manteña a reunión, non é xusto que as empresas pretendan hipotecar a negociación do Convenio Colectivo, en definitiva as nosas condicións laborais, á aprobación por parte do Goberno dunha reforma laboral lesiva para os nosos intereses.
O vindeiro día 17 de xuño a CIG estará na rúa con manifestacións contra a reforma laboral, unha reforma que como vemos, as avarentas empresas de telemárketing pretenden ser as primeiras en aplicar.

O 17 de xuño, maniféstate coa CIG,
porque esta contrareforma nos afecta directamente
Vigo: Vía Norte ás 20.00 horas.
A Coruña: Praza da Palloza ás 20.00 horas.
Santiago de Compostela: Praza Roxa ás 20.30 horas.
Pontevedra: Praza da Ferrería ás 20.30 horas.
Ferrol: Avenida de Esteiro (local da CIG) ás 20.00 horas.
Lugo: Parque de FRIGSA ás 20.00 horas.
Ourense: Pavillón dos Remedios ás 20.00 horas.
Vilagarcía de Arousa: Casa do Mar (Avda. da Mariña) ás 20.30 horas.

10 de maio de 2010

Convenio telemárketing: reducir custes a costa da saúde

Na reunión do 7 de maio abordamos todo o relativo a Saúde Laboral; pasamos a relatarvos as distintas posicións sobre as cuestións faladas.

Non podemos considerar a saúde laboral unha cuestión menor, nomeadamente polos riscos psicosociais do noso traballo que desembocan nun gran número de baixas por enfermidades (estrés, depresión, ansiedade, etc.). No telemárketing non caemos do andamio, pero estamos expostas/os a unha gran carga mental, tanto pola atención á clientela como polos ritmos de traballo e as precarias condicións laborais.

Patronal

Queren especificar o número de pausas PVD para cada tipo de xornada; propoñen rebaixar as pausas PVD a razón de 6 por cada 8 horas de traballo. Din que non comparten a sentenza que perderon na Audiencia Nacional, que establece que o tempo de descanso é tempo de traballo efectivo, polo que por cada hora de traballo corresponde unha pausa.

CIG

1. A lexislación recomenda que as pausas PVD sexan de 10 minutos, mentres que o actual convenio establece pausas de 5 minutos.

Dende a CIG defendemos a ampliación das pausas a 7 minutos. Loxicamente defendemos manter unha pausa PVD por hora traballada. As pausas teñen como fin a protección da nosa saúde, polo que non cabe a posición da patronal pretendendo recortar custes a costa da nosa saúde.

2. Establecer que o tempo entre chamadas non poda ser inferior a 50 segundos, tanto para emisión como para recepción.

3. Que a representación dos traballadores e traballadoras poda rexeitar a Mutua elixida pola empresa, xa que temos detectado numerosos abusos por parte dalgunhas mutuas.

4. Implantar a obriga por parte das empresas de subscribir unha póliza de seguros de accidentes (tanto laboral como común), durante as 24 horas do día, que cubra os riscos de morte, invalidez permanente absoluta ou total, así como a gran invalidez, por unha contía de 20.000 euros.

A reunión non deu máis de si, xa que a patronal non deu contestación ás reivindicacións sindicais.

A vindeira será o 21 de maio na que toca Igualdade, Protección da maternidade e Formación.

14 de abr. de 2010

A patronal ponse caprichosa


Hoxe tivo lugar unha nova reunión da Mesa Negociadora do Convenio Colectivo. Pasamos a relatarvos as distintas cuestións faladas, as nosas reivindicacións e a contestación da patronal a cada unha delas.

Malia as sentenzas ao noso favor a patronal non quere pagar


Dado que as sentenzas do Tribunal Supremo noutros sectores recoñecen que o IPC previsto no ano 2009 era o 2%, pedimos ás empresas de telemárketing que paguen dunha vez, pero a patronal di que agardarán ata que o TS conteste ao seu recurso.

Contratación: Máis temporalidade e poder despedir aos indefinidos.


CIG: defendemos que o contrato tipo debe ser indefinido, deixando os temporais para a casuística concreta como no resto de sectores (cobertura de baixas, novas campañas de reducida duración, etc).


Os traballadores e traballadoras non podemos caer na trampa de defender unha porcentaxe de indefinidos, o excepcional non deben ser os indefinidos, deben ser os temporais. Todos os postos de traballo deben ser fixos, deixando a temporalidade para os casos previstos na lei.


Apostamos por prohibir as ETT no sector, incorporando ao actual persoal ás empresas.


E queremos que se elimine o artigo 17 para que calquera despedimento colectivo conte coas garantías mínimas recollidas na lei con carácter xeral. O telemárketing non pode ser unha excepción na que se lles faciliten os despedimentos masivos. Así mesmo, consideramos imprescindible a subrogación en todos os casos.


Patronal: Defenden ampliar a 1 ano os contratos eventuais, e poder aplicar ao persoal indefinido o artigo 17, é dicir, poder despedir de xeito colectivo saltándose as garantías legais que implican os ERE (expedientes de regulación de emprego).

Carreira Profesional: A actual favorece ás empresas e non queren cambiala.


CIG: defendemos que incluamos un novo catálogo de postos que redefina as funcións e que se recollan dúas novas categorías:


Teleoperador/a de primeira: aos 2 anos de prestar servizo como teleoperador/a especialista, cun incremento salarial do 4%.


Xestor/a de primeira: aos 2 anos de prestar servizo como xestor/a, cun incremento salarial do 4%.


Ademais, pedimos que desapareza a Comisión de Carreira Profesional constituída pola patronal, CCOO e UGT, por non ser operativa.


Patronal: contestou que ata que non saiba a suba salarial definitiva do Convenio, non vai a entrar en negociación sobre cuestións que impliquen incremento de custes. Así mesmo queren manter a actual Comisión (claro a eles vaille ben).

24 de mar. de 2010

A patronal non ten intención de negociar

A patronal de Contac Center, como gustan en chamarse xa que a sociedade considera pexorativo o termo telemárketing, non ten intención de negociar un novo convenio colectivo en tanto non
teñamos sentenza definitiva sobre a suba salarial que nos adebedan correspondente aos anos 2009 e 2010. E aínda que houbera sentenza definitiva dubidamos da súa intención de negociar, están demasiado cómodos co marco actual.

Na reunión prevista para falar de tempo de traballo, cada un dos sindicatos presentamos as propostas recollidas nas distintas plataformas. A patronal contestou na súa liña: quere recortar dereitos en materia de IT e que prefería que en cada unha das reunións presentásemos as nosas propostas para entrar con posterioridade na negociación real.

Cando a ACCE decidiu non pagar a suba salarial defendemos a necesidade de avanzar na unidade de acción sindical e promover mobilizacións xerais no sector para non dar unha imaxe de debilidade sindical ante o abuso patronal.

Noutros sectores onde o persoal gaña máis que no noso e teñen mellores condicións económicas, todos os sindicatos se uniron e mobilizaron, conseguindo acordos de abono da suba prevista á espera da sentenza.

O vindeiro día 14 de abril está prevista unha nova reunión, onde cada quen defenderá a súa Plataforma no referido a Clasificación Profesional. A patronal calará e fixaremos unha nova data para falar dun novo punto.

A negociación do Convenio Colectivo nace bloqueada pola actitude prepotente da patronal, antes que cedo verémonos obrigados a tomar medidas conxuntas e comezar por defender a suba salarial dos anos 2009 e 2010.

5 de mar. de 2010

A patronal di que quere reducir custes

Na reunión do 5 de marzo a patronal dixo dende o inicio que non ia falar de salarios en tanto non estivera pechada a suba salarial. Pero incidiron na necesidade de reducir custes debido a crise para contribuír ao mantemento dos postos de traballo.

Pola nosa parte contestamos que o Convenio 2007-2009 mantivo intactas as precarias condicións de traballo: baixos salarios; inconcreción nas categorías que levan a manter baixos os salarios: altas taxas de temporalidade; facilidades para os despedimentos; horarios ilimitados 24 horas 365 días ao ano; etc. O que non evitou despedimentos no estado e creación de emprego fora.

Evolución do emprego durante a aplicación do convenio anterior.


Polo tanto entendemos que a ameaza de deslocalización non se evita con recortes laborais e defendemos as medidas que reivindicamos na nosa plataforma:

Pluses

-Creación dun plus salarial de antigüidade de 50 Euros ao mes aos 5 anos de antigüidade na empresa baixo calquera modalidade de contratación.

-Que cando se traballe un sábado se perciba un recargo equivalente ao plus de domingos.

-Que o persoal con quenda partida perciba unha dieta de 7 euros ao día.

-Cobro do Plus de Idiomas cando se use un idioma cooficial da propia comunidade autónoma, actualmente pagan a quen fala galego fora de Galiza, polo que pedimos que de manter esa discriminación nos paguen o plus de idioma a nos por falar castelán en Galiza.

Festivos

-Librar o 1 e 6 de xaneiro e o 24 e 31 decembro agás nos servizos de urxencias e emerxencias.

-Cando o día de libranza coincida cun festivo, haberá que compensar ao traballador/a con outro día de libranza.

O día 16 de marzo haberá nova reunión na que falaremos de “tempo de traballo”.

16 de feb. de 2010

Nova reunión da Mesa Negociadora

Como punto previo á reunión pedimos un posicionamento da mesa negociadora en contra do actual proceso de deslocalización de Vodafone que afecta a varias plataformas a nivel galego. Recibimos o apoio da CGT, CCOO e UGT, din que se opoñen a deslocalización pero é un problema legal que non corresponde a mesa negociadora. ACCE non se quere manifestar contra “os seus clientes”... pois vale.

Os sindicatos demandamos como punto previo que se cumpra a suba salarial do anterior convenio, negándose a patronal por estar ademais xudicializada a cuestión. A CIG quere que se abone o 2,25% pactado, incluíndo unha cláusula que non nos obrigue a devolver diñeiro se a sentenza do Tribunal Supremo fose favorable ás empresas. Tamén temos que denunciar a outros sindicatos que “protestaron” polo impago e agora piden subas do 1% para este ano e nas súas plataformas, volven ligar o salario ao IPC.

Posteriormente decidiuse continuar coa negociación, a espera da resolución xudicial e entregáronse as distintas plataformas. Como introdución, solicitamos que se podan negociar convenios a nivel galego e de empresa, que podan mellorar as condicións laborais de xeito pactado, para pasar as nosas reivindicacións básicas:

SALARIOS

Dixemos que a CIG non está atada polo acordo interconfederal (asinado por CCOO, UGT e CEOE) que recolle unha suba para o ano 2010 entre o 0 e o 1%. Reclamamos unha suba lineal de 540 euros.
Defendemos tamén a creación dun complemento por antigüidade de 50 euros por paga, a cobrar a partir dos 5 anos na empresa.

EMPREGO

Despois de 11 anos, o sector non se pode considerar en vías de consolidación, a temporalidade é inaceptable, o emprego estable é o emprego fixo. A temporalidade debe acotarse á causalidade só para casos moi concretos. Así mesmo os despedimentos colectivos deben ampararse na lexislación básica, desaparecendo as excepcións que contempla o Convenio.

XORNADA

É preciso reducir o tempo de traballo para crear emprego, reivindicamos a xornada de 35 horas sen rebaixa salarial. Así mesmo reivindicamos medidas para ampliar o tempo de descanso.

CARREIRA PROFESIONAL

A comisión creada non serviu para nada. É preciso redefinir o catálogo de postos neste convenio sen máis dilación.
Apostamos pola creación de 2 novas categorías: teleoperador de 1ª e xestor/a de 1ª cun incremento salarial do 4% sobre as táboas actuais.

Quedaron fixadas 2 novas reunións para o 5 e o 16 de marzo. Na do día 5 trataremos incentivos, pluses e tempo de traballo.

Por parte da CIG farémosvos chegar a nosa Plataforma nos vindeiros días co fin de que coñezades as reivindicacións que trasladamos á mesa.