Onte tivo lugar a xuntanza da mesa negociadora do convenio. Nela cada sindicato e a patronal fixemos entrega das plataformas coas nosas propostas e reivindicacións para a negociación. Dende a CIG comezamos a nosa exposición solicitando da patronal un compromiso de non aplicación do artigo 52.b, en canto que non sexa derrogado ou modificado polo goberno.
A plataforma da patronal non só é que estea lonxe das propostas da parte social, senón que é totalmente oposta: supón un retroceso e unha perda de dereitos con respecto ao xa precario convenio anterior. Non amosan ningún interese por resolver os problemas do persoal, só buscan aumentar os seus, xa de por si enormes, beneficios á nosa costa.
Como podedes comprobar na táboa do reverso, a súa plataforma non é máis que unha batería de recortes. Din ter gran preocupación polos niveis de absentismo, e non fan nin unha soa proposta no ámbito da saúde laboral, onde nós temos a certeza de que radica o motivo do mesmo, polo que nas nosas propostas pedimos a medición anual do risco psicosocial, conscientes de que cando se realizan, os resultados son nefastos; limitacións na xestión das mutuas e a prohibición das empresas de control do absentismo, que non fan máis que acosarnos. Incluímos tamén neste eido aumento das pausas pvd a 7 minutos; tempo entre chamadas de 50 seg. tanto para emisión como para recepción ou o recoñecemento dos trastornos da voz e musculoesqueléticos como enfermidade profesional, porque a nosa saúde é o primeiro e non podemos consentir que xoguen con ela coma se fosemos mercadoría.
Na CIG temos claro que o camiño é a mobilización e loita na rúa a curto prazo nesta negociación se a patronal non recúa nas súas pretensións de, non só non avanzar, senón retroceder unha década nos dereitos laborais, mesmo créndose co dereito a ignorar sentenzas do Tribunal Supremo.
ANTE OS ABUSOS PATRONAIS, MOBILIZACIÓN SINDICAL
Ningún comentario:
Publicar un comentario