20 de abr. de 2018

O xulgado é claro, secundar unha folga non é absentismo

Os plans de incentivos implantados en algúns servizos da empresa, noutros nin sequera merecen para a empresa tal consideración, pretenden motivar ao persoal con máis cartos por acadar os obxectivos marcados, pero sabemos que a realidade é outra.

Aínda que nun mes superes os obxectivos fixados: se colles unha gripe, te mudas do teu domicilio, casas ou un familiar cae enfermo e ingresa no hospital, a empresa determina que perdes os incentivos.

Neste senso, a dirección de operacións da empresa decidiu que se o persoal secundaba unha folga esta situación tería a consideración de “non presentismo” , (son únicos para inventar conceptos), polo que tamén afectaría á hora de computar o absentismo para o cobro de incentivos.

Tras denunciar esta situación en varias reunións coa empresa sen chegar a un acordo, a nosa delegada da CIG, Lourdes Castaño demandou á empresa no xulgado.

Agora, o xulgado do social de Vigo estima a demanda presentada pola CIG contra Bosch. Literalmente a sentenza afirma que: “O dereito de folga é un dereito fundamental recoñecido no artigo 28 da Constitución Española, polo que as limitacións ó seu exercicio, incluídas as indirectas como pode ser a perda de conceptos retributivos como consecuencia do seu exercicio deben ser interpretadas restritivamente”.

Sobre a sentenza non cabe recurso de suplicación polo que a empresa ten que deixar de aplicar inmediatamente este tipo de medidas que atentan contra os dereitos fundamentais das traballadoras e traballadores, ademais esiximos á empresa o abono dos incentivos impagados inxustamente.


Se tes algunha dúbida ou consulta fala cos representantes da CIG en Bosch ou ben podes remitila a través dos nosos canles de comunicación:



Ningún comentario: