17 de dec. de 2017

O 19 de Decembro o Parlamento Galego debatera a ILP de a Mesa apoiada pola CIG-Centros de Chamadas.

Facilitar á clientela galegofalante a opción de atención telefónica en galego sería o normal e no noso caso sería unha garantía de emprego fronte as deslocalizacións. Pero legalmente en Galiza, ata o de agora, non existe ese dereito.

Fai dous anos a CIG-Centros de Chamadas e a Mesa pola Normalización Lingüística puxemos en marcha unha campaña divulgativa baixo o lema: “Queremos atención en galego, queremos traballo aquí”. Aquela campaña tivo unha grande acollida e repercusión, sendo o xermolo da actual Iniciativa Lexislativa Popular.

A ILP foi apoiada por 28.000 sinaturas homologadas pola Xunta Electoral, triplicando o mínimo legal esixido. Milleiros destes sinaturas foron vosas, dos cadros de persoal dos Centros de Chamadas.

Agardamos que os Grupos Políticos que forman parte da Cámara Galega, aproben a iniciativa, para que nomeadamente as grandes empresas, respecten a opción das persoas galegofalante e tamén para dar estabilidade ao emprego no noso sector. A opción do “galego” permitiría crear 2.000 postos de traballo aquí.

O 19 de Decembro unha representación da CIG-Centros de Chamadas asistirá como convidada ao Pleno do Parlamento, agardamos poder ser testemuñas dunha boa nova como galegos/as e como teleoperadoras/es.


Ningún comentario: