23 de xuño de 2015

Menos descansar e máis traballar

Na reunión do 22 de xuño a patronal continúa na súa teima de que os traballadores e as traballadoras do sector, nos conver-tamos en escravos ao servizo das demandas dos seus clientes, incluso a costa da nosa propia saúde.
No debate sobre o Capítulo de Prevención, seguridade e saúde no traballo, dende a CIG expuxemos as reivindicacións da nosa plataforma, derivadas dos procesos participativos realizados nas empresas de Galiza:

  • Aumentar o tempo de duración das pausas PVD.
  • O tempo entre chamadas non poderá ser inferior a 50 segundos.
  • Limitar as cargas de traballo máximas.
  • A Representación Legal dos Traballadores poderá rexeitar a Mutua que contrate a empresa.
  • As empresas terán a obriga de subscribir, a favor dos seu persoal una póliza de seguros de accidentes.
A patronal rexeitou as nosas propostas, alegando a falsa situación de crise no sector e que, ademais, deste xeito non poderían cumprir as expectativas de flexibilidade que demandan os seus clientes.
Non contentos con isto, ademais queren atentar directamente contra a nosa saúde. Pretenden que as pausas PVD de 5 min. sexan cada dúas horas en lugar de cada hora como actualmente.
Dende a CIG, deixámoslle claro a patronal que en ningún caso permitiremos que se xogue coa saúde dos traballadores nin das traballadoras; en todo caso deberían seguir as recomendacións dun organismo compe-tente na materia: o Instituto nacional de seguridade e hixiene no traballo, que establece que o tempo de pausa en postos de PVD debería ser de entre 7 e 10 minutos por hora.
Con respecto a Protección da maternidade e medidas de protección contra vítimas de violencia de xénero, entenden que son cuestións que se deben negociar no ámbito dos Planes de igualdade das empresas.
Na vindeira reunión prevista para o 14 de xullo, falaremos de Prestacións sociais, Faltas e sancións e Formación profesional.
Ante a actitude déspota que mostra a patronal, dende a CIG entendemos que é importante a mobilización polo que abriremos un novo proceso de consulta e participación para coñecer a vontade dos traballadores e das traballadoras do sector: ou plantamos cara, ou perderemos os poucos dereitos que temos.

Ningún comentario: